Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

PECHE DOS CANTOS DE TABERNA

A despedida dos cantares nos bares

Membros dos Salgariteiros, nunha das xornadas de cantos de taberna que organizaron. DP
Membros dos Salgariteiros, nunha das xornadas de cantos de taberna que organizaron. DP

A primeira edición desta iniciativa cultural dos Salgariteiros, que comezou en febreiro, celebrará a súa última xornada en xuño. O éxito da mesma foi facilmente comprobable cada segundo venres de mes só con entrar nos locais.

Venres, 21.30 horas. Hai xente por fóra dos bares. Nótase ambiente, movemento, algarabía. A estampa en Marín non é moi habitual, pero lévase repetindo o segundo venres de cada mes desde o pasado febreiro. Só con achegarse un pouco á porta dos establecementos que ferven de actividade, un adiviña que é iso que fixo espertar á tristemente durmida noite en Marín. A iniciativa dos Cantos de Taberna, promovida polo grupo Os Salgariteiros, está a ser un éxito sen precedentes. "Tanto a xente coma nós estamos todos encantados", afirma feliz Benito Salgado, membro da formación.

Mais todo ten que chegar á súa fin. Despois de catro meses repartindo diversión polos principais locais de hostelería do municipio, o certame despedirase o próximo venres, día 8 de xuño. Iso si. Salgado xa o advirte: "Imos acabar como Dios manda".

E é que Os Salgariteiros teñen un gran final preparado para esta actividade que tan boa acollida resultou ter na vila marinense. Nesta ocasión, serán tres grupos foráneos os que acompañen aos veciños e visitantes na súa travesía nocturna de bar en bar, repartindo cancións entre un público entregado á festa. Estarán con eles Os Carunchos, Tanto nos Ten e Os Perucos, "que participaron no programa Alalá da TVG e son do mellor", asegura Benito. Os Adobriga, de Baiona; Os Maravallada, de Pontevedra; Os Regatos, de Callobre, ou Os Muíños de Sarela, de Santiago, foron as outras formacións que puxeron as súas gorxas e os seus instrumentos ao servizo das noites de venres da vila marinense durante o transcurso desta primeira edición dos cantos de taberna.

Compartir con todos os veciños un par de pinchos cunha consumición e maridados ca música tradicional foi todo un pracer para os organizadores, que fixeron desa filosofía de colectividade a súa bandeira e decidiron adicar cada unha das xornadas a outros grupos folclóricos da vila, como Os Chaneiros, Os Picuíña ou Fentos e Frouma. En xuño será a quenda de Pousos da Area. "É unha maneira de que estas formacións tamén se impliquen e se involucren na iniciativa", afirma Salgado, que responde afirmativamente cando se lle pregunta se considera que este tipo de ocio estaba perdido na vila. "Quen cho di é a xente, que agora pide que fagamos isto todas as semanas, que era o que faltaba. Incluso os locais están encantados, pídennos que volvamos tocar neles. Había ganas deste movemento".

Cando lle propuxeron ao Concello que apoiase esta iniciativa, non tiñan todas consigo sobre o seu posible éxito. "En Marín fanse moitos eventos culturais aos que non acode demasiada xente e tiñamos algo de medo. Incluso despois do primeiro, que saíu moi ben, non sabiamos que tal ía funcionar o segundo, que nos cuadrou cun día de temporal e que o fixemos na contorna de Ezequiel Massoni", que está algo máis afastado do centro. Sen embargo, a resposta foi tremenda: "A xente estaba nos bares esperando a que chegásemos nós".

Aínda que, depois de xuño, Os Salgariteiros vaian deixar aparcada a súa peregrinación polos bares, retomarán en agosto un evento que estrearon o ano pasado, tamén con moi boa resposta de público, o Marín Canta. "Farémolo a primera fin de semana" dese mesmo mes, adianta Salgado, que afirma que haberá outra formación musical actuando xuntao a eles no escenario. "Haberá máis sorpresas", asegura.

A despedida dos cantares nos bares
Comentarios