viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Un dos detidos tras abandonar o coche en chamas en Rande estivera antes facendo 'trompos' en Poio

El coche en llamas en Rande. TVG
El coche en llamas en Rande. TVG
Os dous ocupantes do vehículos déronse á fuga tras o percance que provocou enormes retencións na AP-9

Os dous ocupantes do vehículo calcinado este martes pola mañá na autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande, en Moaña, que o abandonaron antes da chegada de efectivos da Garda Civil, foron detidos por supostos delitos contra a seguridade viaria. 

Fontes da Garda Civil confirmaron a Europa Press que as detencións destes dous homes, residentes en Vigo, foron levadas a cabo polo Subsector de Tráfico de Pontevedra. 

En concreto, os feitos tiveron lugar despois de que o turismo, que circulaba cunha roda picada, se averiase e os seus ocupantes o abandonasen. Os axentes localizaron ao condutor a poucos metros do coche e detivérono por poñer en perigo ás persoas que circulaban pola vía, así como por circular o mesmo a pesar de que se lle retirara o permiso de condución en virtude dunha sentenza xudicial. 

Mentres, o segundo ocupante do turismo foi detido despois de confirmar que fora identificado poucas horas antes en Poio por realizar manobras perigosas cun automóbil. 

O incendio, rexistrado ao redor das 7,30 horas na ponte de Rande, no punto quilométrico 146 da AP-9 en dirección a Vigo, provocou retencións na autoestrada durante unha hora aproximadamente. 

Os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros do Morrazo e de Vigo. Unha vez no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que o turismo quedou totalmente calcinado.

Para restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía local, ademais do persoal de mantemento da estrada.

MIÑO. Por outra banda, dúas persoas resultaron feridas esta mañá en Miño despois de que colidisen catro turismos na N-651 ao seu paso polo concello de Miño. Segundo a información facilitada polos bombeiros ao 112 Galicia, unha muller tivo que ser excarcerada ao quedar atrapada no interior dun dos coches implicados no accidente.

Un dos detidos tras abandonar o coche en chamas en Rande estivera...