O día no que o alumnado de Bueu gobernou o Concello

O Pleno municipal máis novo da historia da vila aprobou o xoves por unanimidade crear un Consello Municipal da Infancia e da Mocidade

A proposta do alcalde buenense foi aprobada por unanimidade. C.M.
photo_camera A proposta do alcalde buenense foi aprobada por unanimidade. C.M.

BUEU. O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu onte un debate especial sobre feminismo no que participaron o alcalde, Félix Juncal; a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero, e 16 rapaces e rapazas do IES Johán Carballeira, IES Illa de Ons, CEIP Plurilingüe A Pedra e CPR Virxe Milagrosa. No encontro, o alumnado simulou representar aos concelleiros propoñéndolle ao rexedor diversas cuestións sobre igualdade co gallo do 8M.

Juncal invitou aos mozos e ás mozas a votar unha proposta moi especial para rematar o particular Pleno. O alcalde propúxolle aos presentes a creación dun órgano municipal que os escoite e no que teñan tanto voz como poder de decisión. "Haberá que ver o encaixe legal, pero suxiro que o Concello de Bueu cree un Consello Municipal da Infancia e da Mocidade para que, logo de que escollades representantes, poidamos debater sobre as vosas inquedanzas e sobre as cousas a mellorar ou cambiar para conseguir ter un municipio do que sentirnos máis orgullosos", explicou Juncal.

Os asistentes, tanto na mesa do Pleno como entre o público, alzaron a man mostrando a súa aprobación a esta medida para crear unha entidade que xa teñen vilas como Redondela ou Carnota e cidades como Xixón ou Sevilla.

Previamente, o alcalde enfrontárase ao que probablemente foi o Pleno máis duro do seu mandato. Os nenos e nenas preguntáronlle a Juncal se el persoalmente participaba nas tarefas do fogar, por que Bueu non tiña fillas adoptivas ou cal foi a medida máis feminista que realizou na súa etapa á cabeza do Goberno local.

MOVEMENTO VITAL. Ademais, o alumnado tamén quixo saber que significa este movemento para Juncal. "O movemento feminista é necesario, imprescindible e vital", respondeu.

Os pequenos e pequenas edís tamén lle preguntaron se existe a paridade entre os funcionarios do municipio e por que só hai dúas rúas con nome de muller na vila.

Félix Juncal animou aos presentes a "axudar na propagación da igualdade. Hai que facer cómplice a toda a sociedade e non podemos dar marcha atrás nin retroceder nos dereitos conseguidos".

Este Pleno é unha das medidas recollidas no I Plan de Igualdade Intercentros, que se aprobou este ano e que ten por obxectivo promover accións para lograr a igualdade entre o alumnado desde o colexio.

Comentarios