Diversidade detrás das cámaras

A Asociación FicBueu e o centro Juan XXIII de Cangas colaboraron para gravar a curtametraxe 'A fin do osíxeno', unha peza elaborada na súa totalidade por persoas con discapacidade intelectual. A rodaxe levouse ao cabo esta semana no Bosque Encantado de Aldán
Os integrantes do centro Juan XXIII de Cangas durante o proceso de rodaxe. DP
photo_camera Os integrantes do centro Juan XXIII de Cangas durante o proceso de rodaxe. DP

Fomentar a inclusividade a través da creación dunha peza audiovisual é o principal obxectivo que perseguen os obradoiros da Área Social da Asociación FicBueu. Neste caso, a entidade colaboradora do proxecto foi a Asociación Juan XXIII de Cangas, cuxos integrantes, un grupo de sete persoas con discapacidade intelectual, foron os encargados de dar forma a unha curtametraxe que se converte nunha vía de expresión coa que pretenden traspasar a pantalla. 

O Castelo do Bosque Encantado de Aldán acolleu este mércores a gravación de A fin do osíxeno, unha curtametraxe de temática medioambiental elaborada polos integrantes do centro ocupacional cangués. A rodaxe, que tivo unha duración aproximada de nove horas, contou cun equipo de 20 persoas e cun reparto conformado por actores e actrices recoñecidos, entre os que se atopaban Lois Soaxe e Mónica Caamaño. 

Esta peza audiovisual forma parte dunha iniciativa impulsada pola Asociación FicBueu, que consiste en achegar o sector do audiovisual a colectivos que carecen dunha inclusión total na sociedade. Así, a partir da realización dun curso intensivo de instrucción, estas persoas mergúllanse no proceso de creación dunha historia, na elaboración dun guión, na linguaxe audiovisual e na preparación dunha xornada de rodaxe. 

O equipo conformado polo centro cangués, a Asociación FicBueu e o reparto. DP
O equipo conformado polo centro cangués, a Asociación FicBueu e o reparto. DP

O grupo, integrado por usuarios e usuarias de Bueu, Cangas e Moaña, levan dende xaneiro traballando de forma colaborativa nesta peza e, contando co apoio de monitoras do centro e do equipo da entidade bueuense, asumiron todas as tarefas que deron lugar á curtametraxe, que será visionada o día 11 de setembro no acto inaugural do FicBueu. 

Segundo trasladou a directora do centro Juan XXIII, Teresa Lagos, este tipo de iniciativas son "oportunidades que permiten poñer en valor as capacidades das persoas coas que traballamos". Lagos manifesta que estes usuarios e usuarias adoitan ser "receptoras de apoios e de ordes ou instrucións, mentres que aquí se empoderan, algo que ademais lles gusta". "Participar neste proxecto do FicBueu, que se trata dun referente cultural, permítelles incluirse na comunidade".

Comentarios