jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

Os docentes saltan á escena do proxecto Edukasano en Marín

Margarita Pino, Jorge Soto e Marián Sanmartín durante a presentación das xornadas. GONZALO GARCÍA
Margarita Pino, Jorge Soto e Marián Sanmartín durante a presentación das xornadas. GONZALO GARCÍA
Case medio centenar de docentes de Marín participan dende este xoves nas primeiras xornadas formativas do programa

Co propósito de achegar unha serie de experiencias aos e ás docentes encargados de pór en práctica as unidades didácticas deseñadas polo grupo Gies-10 nos diferentes centros educativos de Marín dentro do proxecto Edukasano , a Vicerreitoría do campus de Pontevedra presentou este xoves as primeras xornadas formativas deste programa (I Xornadas de Innovación Educativa Proxectando o futuro na escola dende o concello de Marín), que poñen o foco na importancia da innovación para a mellora do proceso de ensinanza e aprendizaxe. As xornadas contaban con 50 prazas dispoñibles, que foron cubertas na súa maioría por profesorado marinense.

O proxecto Edukasano, executado en colaboración co Concelo de Marín, ten por obxectivo desenvolver unha intervención educativa centrada no fomento de hábitos saudables dos escolares da vila marinense. Esta iniciativa presentouse o pasado mes de novembro, momento no que se comezou o traballo cos 13 centros educativos de Marín.

Durante o acto de presentación das xornadas, que tivo lugar na Casa das Campás de Pontevedra -onde tamén se celebrarán as formación- o vicerreitor do campus e coordinador das xornadas, Jorge Soto, quixo facer fincapé na importancia "que ten unha vila como Marín nos proxectos socioeducativos" que se levan a cabo na Universidade de Vigo.

Nesta liña, a coordinadora do Gies-10, Margarita Pino -que participou este xoves no que foi o seu último acto con este cargo, xa que será relevada por á profesora María José Martínez Patiño-, puxo de relevo o papel que na educación xogan tanto as familias como os diferentes axentes da contorna, "a idea de Edukasano é formar ao alumnado na alfabetización para a súa saúde a través das diferentes materias do currículo, baseándonos fundamentalmente no movemento e en que o alumno sexa autónomo na súa aprendizaxe".

A edil de Educación do Concello de Marín, que tamén participou na inauguración, agradeceu ao Gies-10 por escoller á vila marinense "como o espazo piloto desde o que repensar o futuro da escola". Sanmartín trasladou aos participantes a necesidade de que "a aprendizaxe e as técnicas educativas que facilitedes ao alumnado respondan ás necesidades do mundo que lles tocará vivir, non do que xa vivimos nós".

As xornadas abríronse con tres conferencias impartidas por a catedrática da Universidad de León Isabel Cantón, o profesor da Universidad de Granada José Antonio Marín e o catedrático da Universidade de Alacante Basilio Pueo. As ponencias estiveron centradas en aspectos fundamentais para a innovación educativa, como son o deseño de proxectos, as posibilidades didácticas da gamificación e a aplicación no eido educativo dalgo fundamental para entender o mundo no que nos movemos, como son os contidos multimedia. Hoxe as xornadas acollen unha serie de obradoiros impartidos por investigadores e investigadoras do grupo Gies-10.

Os docentes saltan á escena do proxecto Edukasano en Marín
Comentarios