Educación en tempos de represión

Celso Milleiro e Xosé Manuel Moreira poñen en marcha unha serie de volumes centrados na recuperación da memoria histórica da vila de Marín

Escola de Nenas do Igrexario de Santomé de Piñeiro dos anos 50. CEDIDA POR CELSO MILLEIRO
photo_camera Escola de Nenas do Igrexario de Santomé de Piñeiro dos anos 50. CEDIDA POR CELSO MILLEIRO

Celso Milleiro estudou Químicas e na actualidade traballa no eido da Sanidade, pero a súa verdadeira vocación discorre por un derroteiro ben distinto. Afondar na raigame da sociedade marinense sempre foi a maior inquedanza de Milleiro, que acaba de publicar, xunto co historiador da arte Xosé Manuel Moreira Docampo, o primeiro volume de Memorias de sal e terra, unha colección de libros que pretende redescubrir a historia da vila, xa que unha parte dela está totalmente esquecida, mentres que a outra aínda non se contou.

A entrega que estrea a serie, presentada hai uns días da Deputación de Pontevedra con motivo da Semana da Memoria, desgrana o ensino no concello de Marín entre o 1867 e o 1940, desvelando os casos máis flagrantes de represión e depuración de mestres despois de 1936, así como os cambios experimentados polas escolas da vila desde o século XIX e a influencia da comunidade evanxélica na configuración do mapa educativo marinense.

A influencia da comunidade evanxélica foi vital para a mellora da pedagoxía nos centros educativos da vila


LEI MOYANO. "Todo empeza en 1867, a raíz do primeiro informe que se publica despois de aprobarse a Lei Moyano", explica Milleiro. Esta foi a primeira normativa estatal en considerar a educación como un dereito público, universal e gratuíto. Oficialmente aprobárase unha década antes do punto de inicio do libro de Milleiro e Moreira, pero os resultados da súa aplicación non foron visibles ata que os inspectores de ensino redactaron as súas primeiras valoracións das escolas nacidas ao abeiro da mesma.

"A infraestrutura era moi mala e as condicións de hixiene tamén", relata Milleiro. Naquela época existían en Marín catro escolas: dúas no centro urbano, outra en Ardán e unha última en Santomé de Piñeiro. A escolarización aínda era moi reducida e, no caso de que os nenos estiveran matriculados, moitos non asistían ás clases, pois a sociedade daquel momento priorizaba a economía familiar fronte á importancia de educar aos seus fillos.

CHEGAN OS EVANXÉLICOS. Marín conta cunha das comunidades evanxélicas máis extensas de Galicia, pero non foi unicamente o plano relixioso o que se alterou ca chegada de Thomas Blaire, fundador da Igrexa Evanxélica na vila, en outubro de 1882. Definido polos autores do libro como "o pastor que provocou un tremor", foi un dos relixiosos procedentes de Inglaterra que se adicaron a predicar por España e que, finalmente, se afincou na vila.

A doutrina evanxélica ten na lectura dos textos bíblicos o seu piar fundamental, polo que esta comunidade consideraba a educación como un elemento imprescindible para a evanxelización. Como naquel momento todas as escolas, aínda que non foran privadas, seguían os ditames da relixión católica, os evanxélicos decidiron abrir os seus propios centros.

Nos procesos de depuración do mestrado mesturábanse razóns políticas e sindicais con vinganzas persoais e outros intereses individuais


"A ensinanza que se impartía neles era de moitísima máis calidade, e as infraestructuras eran tamén moito mellores", indica Celso, que engade que iso motivou o traslado dun gran número de alumnos de ideoloxía cristiá. Chegaron incluso a promover unha aula de inglés. Todo un adianto para a época.

A reacción da Igrexa Católica non se fixo esperar. Ante a fuga de alumnado e a perda do control educativo, o arcebispo de Santiago de Compostela, José Martín de Herrera, fundou, «e en parte sufragou», tal e como engaden no libro Milleiro e Docampo, dous colexios católicos de grandísima calidade: o da Inmaculada Concepción e o de San Luís Gonzaga.

OS EMIGRANTES. Outro factor decisivo para a configuración das escolas marinenses foi o retorno de moitos emigrados, que trouxeron consigo unha filosofía distinta á que tiñan cando marcharon, que entendía a educación como unha ferramenta de progreso da sociedade.

"Moitos deles, ademais, metéronse nas Sociedades Agrarias e aproveitaron ese movemento de asociacionismo para presionar para que se crearan escolas no rural", que ata o momento, a pesar dos avances producidos no eido educativo da vila, seguía sufrindo unha alta analfabetización.

"A última parte que abordamos no libro dáse durante a II República, cando se pon en marcha a Lei de Educación, que xa é moito máis progresista que a Moyano, ademais de laica e con carácter social", resume Milleiro.

Despois do golpe de Estado de 1936, a represión sobre o mestrado marinense comeza e prodúcense moitos procesos de depuración, ás veces por motivos políticos ou sindicais, pero tamén por vinganzas e intereses persoais, que afastan a moitos profesores das súas prazas na vila. Afectoulles tanto aos autóctonos como aos que viñeron de fóra a traballar á localidade.

NOMES PROPIOS. "Dos 33 docentes que naquel momento había en Marín e en Lourizán", xa que o volume abarca tamén a esta parroquia pontevedresa, "foron depurados dez. A maior parte deles, co tempo, recobraron as súas prazas, pero algúns tardaron 20 anos en facelo. Moitos abandonaron a docencia, sabedores de que nunca volverían exercer".

José Meis Martínez foi mestre en Seixo ata o 36. Foi un dos creadores das Xuventudes Socialistas na parroquia. Foi depurado, encarcerado e xulgado nun Consello de Guerra xunto a vinte veciños de Cangas, onde foi condenado á pena de morte.

Ramón Pintos Lusquiños, igual que Meis Martínez, exerceu en Seixo. No 35 doou dúas pesetas á Comisión Nacional de Socorro aos mestres presos e ás súas familias e afiliouse a Esquerda Unida. Varios incidentes de carácter político fixeron que o gobernador civil de Pontevedra lle suspendera de emprego e soldo no 36. Máis tarde volveu dar clase, pero nunca máis en Marín e, coma el, moitos nomes máis que os investigadores recollen neste volume, así como os que aínda é necesario desempoar dos arquivos antigos.

Comentarios