'eMprender' na aula de cara ao futuro

EDUCACIÓN ▶ O IES Johan Carballeira de Bueu celebrou o pasado martes a I Feira eMprende, proxecto piloto de Ayuda en Acción, na que o alumnado de FP presentou prototipos relacionados coas necesidades da contorna. O ocio, a educación, a saúde mental, a estética e imaxe persoal ou o deporte foron algunhas das iniciativas dos alumnos.
Varios dos proxectos e actividades que se desenvolveron na feira o pasado martes.
photo_camera Varios dos proxectos e actividades que se desenvolveron na feira o pasado martes. DP

PREVIR situacións de vulneraribilade no futuro é un dos principais obxectivos do proxecto 'eMprende', unha iniciativa piloto que nace da man de Ayuda en Acción a través da que se ofrecen ferramentas de orientación laboral e profesional aos máis novos nos centros educativos. Precisamente, 'eMprende' xorde coma unha ferramenta para docentes e unha oportunidade para o alumnado de Formación Profesional en aspectos fundamentais como o establecemento de plans de orientación vocacional, a adquisición de competencias clave ou o coñecemento da contorna para identificar oportunidades.

O IES Johan Carballeira de Bueu é un dos seis centros de Galicia nos que interviu Ayuda en Acción con este proxecto piloto, cofinanciado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións cos Fondos Next Generation EU dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia. O IES Rodeira de Cangas e o IES Paralaia de Moaña están integrados tamén neste programa. Todos os centros contan con alumnado de FP Básica, Grado Medio e Superior.

O pasado martes, o centro bueués participou na I Feira 'eMprende', un dos eixos do proxecto tras a realización de varias sesións grupais e individuais enfocadas ás "soft skills" como a creatividade, traballo en equipo ou toma de decisións, Posteriormente, nesta feira, presentáronse preto de 30 prototipos, deseñados no "espazo maker", no que colaboraron empresas externas e onde se realiza un diagnóstico das necesidades da zona para patentar eses proxectos.

Entre os postos participantes, o alumnado sorprendeu ás persoas asistentes con proxectos relacionados co ocio, a educación, a saúde mental, a estética e imaxe persoal ou o deporte, entre outros. "Os de educación en saúde mental foi un dos prototipos que máis predominou na feira. Tiñamos catro ou cinco sobre este tema. Chama a atención a cantidade de persoas que padecen algún tipo de doenza relacionada coa saúde mental", explica Álex Raposo, un dos facilitadores de Ayuda en Acción que interviñeron no Johan Carballeira, xunto con Andrea González.

Dentro dos prototipos relacionados coa saúde mental, "enfocados ao alumnado", fixeronse diferentes actividades para identificar as emocións e saber diferenciar entre ansiedade e estrés.

'+ Salud' foi un destes prototipos, que tiña por obxectivo mellorar a saúde mental entre os máis novos. "Para iso fixeron unha campaña de sensibilización e deseñaron un xogo cos síntomas de cada unha das doenzas mentais como estrés adolescente, ansiedade e depresión. As persoas que se achegaban aos stand xogaban e en base a iso identificaban os síntomas que tiñan", conta o orientador. Outro dos prototipos era 'Reventar los problemas', que buscaba crear un espazo seguro para conseguir un benestar emocional.

MELLORAS NO CENTRO

Mellorar o centro educativo tamén foi unha das necesidades que se detectaron nos estudos previos á feira. Por iso tamén se presentaron varios prototipos enfocados a este mellora. "Os grupos de peiteado e estética propuxeron cambiar algún material que xa estaba un pouco estragado, reparalo ou conseguir máis material para poder formarse en mellores condicións", indicou Raposo.

Este foi un dos prototipos que se poideron aplicar á realidade, xa que dende o equipo directivo do IES Johan Carballeira se interesaron por coñecer estas deficiencias que detectou o alumnado e así poder mellora a súa formación.

O mesmo pasou cun prototipo no que se plantexaba a creación dun carril bici na vila de Bueu, que carece deste servizo. "Cónstame que o Concello xa tiña en mente levar a cabo este proxecto, pero non é o mesmo pensalo que ver en persoa a presentación do proxecto. Interesáronse bastante", engadiu o facilitador.

Para presentar este proxecto, os alumnos deseñaron o que sería o carril bici e, a través dunhas lentes de realidade virtual, recrearon o seu percorrido, para que os asistentes "puidesen ver a simulación de como sería ese espazo. Tamén levaron unha bicicleta para que fose máis realista".

As poucas alternativas de ocio tamén estivo presente na I Feira eMprende. "Detectouse que hai unha problemática moi visible co tema das redes sociais e o único ocio que predomina na adolescencia é o relacionados coas TIC", expresou o orientador. Por iso, o grupo organizou varios torneos deportivos interculturais para así impulsar outra formar de ocio, lonxe das pantallas.

Ademais de todos estes prototipos, tamén houbo espazo para os relacionados coa protección da natureza, enfocada a xente que fumba. Os alumnos, a través do proxecto 'Ecolilla', promoveron os bos hábitos e os valores medioambientais que "a todos nos fan falta".

INVERSIÓNS

Para dotar aínda máis de realidade a feira, patentouse unha tarxeta de inversión ficticia coa que recoñecer o esforzo e traballo do alumnado. "Isto diferencianos moito das outras feiras", engadiu Álex Raposo. A cada asistente repartiuselles tres tarxetas de crédito ficticias -tamén un prototipo dun dos grupos- con cantidades de 100, 200 e 300 euros. "Cada persoa podía investir nos prototipos. Ao final da feira, o grupo que máis diñeiro recadaban levaban un premio simbólico", indicou o facilitador.

De feito, recoñeceu que este tipo de actividades, fixo que o alumnado "se implicase moito e foi unha gozada". Ademais da presentación dos prototipos, o alumnado tivo a oportunidade de realizar diversas actividades a través das que conseguir un 'kit de emprendedor' como entrevistas teatralizadas, taller de tips para mellorar o currículo ou explicación de proxectos en público.

"Este tipo de actividades son fundamentais, xa que hai moitas personas que queren seguir estudando, pero outras moitas queren entrar xa nun proceso activo de procura de emprego. Nos seguimolos orientando posteriormente nese proceso", indicou Álex Raposo

O proxecto 'eMprende' comezou ao principio de curso e rematará en abril. Despois do éxito da feira do Johan Carballeira e a do IES Rodeira de Cangas, que tivo lugar o 9 de marzo, o IES Paralaia de Moaña terá a súa propia feira o próximo 24 de marzo.

Futuro: A esencia do proxecto

O proxecto ‘eMprende’ foi deseñado dende un enfoque multidisciplinar en base ao traballo en rede e ao establecemento de alianzas público privadas que permiten a adecuación das necesidades formativas ao mundo laboral.

Este programa axuda ás persoas novas a identificar a súa vocación, a mellorar as súas competencias clave e a trazar un plan de vida que se adecúe ás súas necesidade e ás súas eleccións, cambiando o seu presente para garantir o futuro.

Comentarios