Empresa e responsabilidade social

Tres grupos de alumnos de sexto curso de Primaria do centro cangués CPR Eduardo Pondal foron os gañadores e finalistas, respectivamente, da súa categoría do I Certame Imaxina a túa Empresa
Entrega dos galardóns do certame. DP
photo_camera Entrega dos galardóns do certame. DP

Espertar o interese dos máis novos polo emprendemento é un dos grandes obxectivos da primeira edición do Certame Imaxina a túa Empresa, no que os alumnos do Colexio Eduardo Pondal de Cangas resultaron os grandes gañadores na categoría de Educación Primaria. O concurso está organizado pola Asociación Galega de Empresas Familiares e Afundación, Obra Social Abanca.

Tres grupos de alumnos de sexto curso do centro cangués foron os gañadores e os dous finalistas da categoría de Educación Primaria. O equipo gañador levouse o correspondente diploma acreditativo máis un ordenador portátil para o colexio, mentres os finalistas ao diploma engadiron sendos lotes de libros para o propio colexio.

O proxecto gañador leva como nome Compañía de espectáculos con conciencia social. Os seus obxectivos empresariais son levar a cabo os servizos de vestiario, maquillaxe e perruquería para artistas de teatro e cine, ao tempo que engade como Responsabilidade Social Corporativa a posibilidade de achegar os labores de perruquería, maquillaxe e arranxo de roupa para persoas maiores que non os poden facer por si mesmas.

"Todos colaboraremos conxuntamente alí onde precisen dos nosos servizos", destaca a iniciativa empresarial que fixo que o xurado, formado por representantes da Asociación Galega de Empresa Familiar e Afundación, lle concedese o primeiro premio da categoría.

"O estudantado demostrou o seu compromiso coa Responsabilidade Social Corporativa: teñen claro que as empresas xogan un papel fundamental na economía de Galicia"

O primeiro dos finalistas foi o proxecto Unha discográfica que axuda aos nenos sen fogar, que prestaría apoio a artistas no lanzamento e promoción dos seus traballos, adicando un 20 por cento dos beneficios á tarefa solidaria cos nenos máis desfavorecidos.

O segundo proxecto finalista foi o denominado Carpintaría con conciencia medioambiental, adicada desenvolver traballos de transformación de madeira para escenografía e ferramentas de construción se produtos químicos e con reaproveitamentos de materiais e recursos.

No caso da categoría de Secundaria, o gañador foi o proxecto Urbedor, relativo á informatización das cidades co foco no transporte, dun grupo de alumnos de terceiro da ESO do Centro San José de Cluny de Santiago. Pola súa parte, os finalistas, ambos de cuarto da ESO do CPR Manuel Peleteiro, tamén de Santiago, foron as iniciativas tituladas "Arthemise" e "C-Fun", respectivamente.

COMPROMISO. A entrega de galardóns tivo lugar esta semana en Santiago de Compostela coa presenza do presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, o marinense Víctor Nogueira, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero. O xurado, formado por dous representantes da asociación e dous de Afundación, salientou o compromiso coa sociedade e o medio ambiente de todos os proxectos participantes.

Un total de 60 estudantes participaron no certame Imaxina a túa empresa con 15 proxectos empresariais co foco posto na igualdade, o medio ambiente ou a creación de emprego

"O estudantado demostrou o seu compromiso coa Responsabilidade Social Corporativa: teñen claro que as empresas xogan un papel fundamental na economía de Galicia, pero tamén na sociedade, con valores como a sustentabilidade ou o respecto polo medio ambiente, que son intrínsecos ás compañías familiares, o 92,4% do tecido empresarial galego", destacaron.

Un total de 60 estudantes participaron no certame Imaxina a túa empresa con 15 proxectos empresariais co foco posto na igualdade, o medio ambiente ou a creación de emprego en Galicia.

O certame Imaxina a túa empresa puxo o broche final á primeira edición do programa Empresa familiar nas aulas, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, Obra Social Abanca, para fomentar o emprendemento no alumnado de Galicia, impulsando o contacto directo cos empresarios a través de visitas virtuais ás compañías e charlas online.

Ademais, un total de 437 alumnos de dez centros educativos de Galicia e dez empresarios -Carlota López Pardo (Aresa); Yago González-Babé (Babé y Cía); Julio Simarro (Congalsa); Óscar Rodríguez (Espina y Delfín); Roberto Tojeiro (Gadisa); Emilio Lostalé (Lodiel); Joaquín Pérez Bellido (Pérez Rumbao); Julio Iglesias (Revi); Pepe Castro (Servicio Móvil); e Antón Fonseca (Terras Gauda)- participaron no programa.

Comentarios