Celso Méndez: "Se o Enterro da Sardiña se moderniza, desaparece"

O Enterro da Sardiña de Marín xa é de Interese Turístico de Galicia. O xoves, o Consello da Xunta aprobou esta declaración despois da solicitude presentada polo Ateneo Santa Cecilia hai un ano
Celso Méndez na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín. DP
photo_camera Celso Méndez na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín. DP

Co fin da ditadura, o Ateneo Santa Cecilia quixo recuperar unha tradición única polas súas características: o Enterro da Sardiña. Celso Méndez é unha das personas que traballou dende 1976 pola recuperación dunha tradición que se remonta a 1882 e que simula unha procesión de Venres Santo. Tan só a ditadura e a pandemia evitaron a súa celebración. Esa preservación da festa foi o que levou á Xunta de Galicia a declarala de Interese Turístico de Galicia. Por ese motivo, o Ateneo fará entrega da insignia do Enterro á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Despois de varios anos de traballo, o Enterro da Sardiña por fin é de Interese Turístico de Galicia. Que significa para o Ateneo Santa Cecilia?
Non só ten un significado para o Ateneo, senón para todo o pobo. É un logro para Marín porque é unha festa tradicional e única. Non existe en ningún lado un Enterro como o de aquí; nin na península nin no resto de Europa, diría eu. É unha procesión de Semana Santa sarcástica, propia dun Venres Santo. O resto de enterros que se fan son desfiles. O máis coñecido, que é de Interese Turístico Internacional, é o de Murcia e é un desfile como se fai na Batalla de Flores, con charangas e música. Os Enterros do resto do Morrazo partiron de Marín. Ibamos nós alí. En Moaña, por exemplo, os trastos que tiñamos no Ateneo prestabámosllos á Asociación Cultural Nós de Moaña para que o montasen alí. En Cangas tamén fumos o primeiro ano a explicarlles a tradición. Logo eles xa seguiron coa súa propia festa, máis centrada nas charangas.

Vostede foi dos primeiros que participaron no Enterro da Sardiña tras a ditadura e aquí segue. Como foi esa posta en marcha despois de practicamente máis de 40 anos sen celebrarse?
Do que queda vivo a día de hoxe si, fun dos primeiros que participei no Entroido cando se retomou tras a ditadura. Levo dende o 76, un ano despois de morrer Franco. Eu daquelas non sabía nin que había Enterro, Estaba no Ateneo facendo outros temas culturais e volveron os especialistas, Molas, Marcelino Liderato –o último obispo do enterro antes da guerra e logo foi o primeiro-, Manuel Pesqueira e Manuel Torres, xente maior que aínda estaba no Ateneo e se acordaba de facelo antes da Guerra Civil. Ese primeiro ano saímos só directamente ao peirao e a xente que participaba era case toda maior que se lembraba desta tradición. O día seguinte xa saíu na prensa, concretamente no Diario de Pontevedra. Os seguintes anos xa fomos facendo os percorridos máis longos ata o que é agora, aínda que se foron variando os lugares onde se facían os pregóns, primeiro no Palco da Música, despois en Praza de España e nestes últimos anos xa na Praza do Reloxo.

Cal diría que foi o momento máis álxido do Enterro da Sardiña neses primeiros anos tras a súa recuperación?
Nos anos oitenta xuntábanse miles de persoas. Xa non estabamos só os de Marín, senón que viña xente de Bueu e de Pontevedra. Era a única festa que había na rúa, xa que dentro do Entroido non había desfile nin nada. O único máis parecido era o de aquí e a xente que o quería pasar ben nesas datas viña a Marín. Pódese dicir que dos anos oitenta aos noventa foi un subidón. Houbo unha época antes destes últimos anos na que as directivas non se involucraban tanto como a xente que realmente o vivía de antes. Durante un tempo montámolo nós sós, pero no relacionado coa xente que viña a participar xa non era o mesmo. Sen o compromiso da directiva non era igual.

E custou volver atraer a xente ao Enterro da Sardiña?
Claro que custou. Os primeiros anos despois de coller nós a directiva do Ateneo a xente xa non estaba acostumada a saír ao Enterro. Houbo que montalo practicamente dende cero con xente e amigos de fóra. Viñan a colaborar Os Sonecas de Poio e Flores de Carnaval de Pontevedra porque non tiñamos persoal suficiente para vestirse de personaxes na procesión e os músicos eran amigos de sempre.

Esta declaración non ten só un significado para o Ateneo Santa Cecilia, senón para todo o pobo de Marín"

Este último ano postpandemia poderíase dicir que o nivel de participación foi bastante bo...
Si e cada vez vén máis xente porque se vai involucrando máis e coñece de novo o que é o Enterro da Sardiña. A parte levamos varios anos dando charlas nos colexios para achegar aos nenos a esta tradición, aínda que é certo que moitos non saben o que é porque os pais non os levan, porque tampouco saben de que vai. Non é algo que esté arraigado na xuventude porque non o coñecen.

Preocúpalles esa falta de interese por parte dos máis novos no relacionado ao futuro da festa?
Pouco a pouco si que se involucra máis xente nova e agora ao declarar o Enterro de Interese Turístico, aínda que morramos nós ou faltemos neste tema, o Concello de Marín tense que implicar para que non desapareza a tradición.

Hacia onde cre que vai avanzar o Enterro da Sardiña despois desta declaración?
Ao ser un dos dez Entroidos de Galicia de Interese Turístico dálle unha repercusión moi grande a parte dos contactos que tiñamos xa de saír en todos os medios de comunicación do territorio nacional. Tamén é importante para poñer o nome de Marín no mapa nacional.

Dos anos oitenta aos noventa, o Enterro da Sardiña foi un subidón, xa que xuntaban miles de persoas"

Van continuar coa mesma esencia que caracteriza ao Enterro da Sardiña?
Se esto se moderniza, desaparece. Se o Enterro é de Interese Turístico é porque é único, pero se o convertemos nun desfile de comparsas extínguese ao non ser xa o mesmo. Para iso xa está o desfile do domingo de Entroido.

E preocúpalles que a propia xente que veña a raíz desta declaración poida desvirtualizar a festa?
É verdade que nestes casos a xente vén e desmadra, por eso fai falta ter moito equipo para a organización. Iso significa, para quen organiza, non pasalo moi ben. Eu seino porque nos anos oitenta cando empezou a vir unha marabumda de xente e eu estaba de cheo na organización; non che facían caso e pasaban de ti. Se lles decías que fosen en fila polas beiras, facían o que querían e só estorbaban ou berreaban. Para evitar iso necesitas xente. Por iso é complicado e máis se o que vén a participar non sabe o que é e pensa que é un desfile máis. Podes facer festa, pero detrás da comitiva e sen molestar. Por iso si que nos preocupa que a xente o desvirtualice.

Comentarios