O espírito do FICBueu, nos Oscar

‘Brotherhood’ e ‘Mémorable’ son dúas curtametraxes que pasaron por o FICBueu con apenas poucos meses de vida. Agora, ambas producións optan a unha estatuíña nos Oscar, o que demostra o bo traballo da organización buenense á hora de escoller filmes
El Centro Social do Mar, lleno en el FICBueu de 2018. DP
photo_camera Unha edición do FICBueu. DP

OS OSCARS, unha cita que os cinéfilos esperan con ansia dun ano para outro e que ademais é o broche de ouro da tempada de premios do panorama artístico. Días antes, os máis interesados neste mundo fan as súas apostas sobre que traballo se levará o premio á mellor película, quen será o afortunado que se faga co galardón ao mellor actor ou que mítico director levará unha estatuíña máis para a casa.

Porén, nos Oscars, ademais de premiar ás longametraxes do panorama cinematográfico actual, tamén se galardona un formato máis 'pequeno' pero cunha calidade inmensa: as curtametraxes. Na edición deste ano, que se celebra este domingo, o espírito galego chega nun voo directo aos Ánxeles gracias a presencia de dúas curtas nomeadas que tiveron unha gran relevancia durante o FICBueu 2019: Brotherhood, nomeada na categoría de ficción, e Mémorable, na de animación.

A pesar de que unha é de Bielorrusia e outra é francesa -respectivamente-, a esencia buenense está máis presente ca nunca nos Oscar, gracias ao bo ollo que tiveron os organizadores ao ser capaces de escoller dúas curtametraxes que darían moito que falar no panorama artístico internacional. Unha das persoas que tivo moito que ver neste cotexo foi o subdirector do FIC, Severiano 'Seve' Casalderrey.

O subdirector buenense explica que "sempre facemos un traballo de rastrexo bastante importante". Con todo, Brotherhood e Mémorable non chegaron a inscribirse no festival buenense, polo que o mérito é dobre para a organización xa que chegaron a coñecer aos dous filmes "de ir por eventos e festivais".

Na edición pasada do FICBueu inscribíronse unhas 4.400 curtas, un dato que demostra "o labor que intentamos facer de rastrexar aquí e alá. Digamos que o noso é un traballo de ollador. A veces aparecen este tipo de traballos e xa se ve que agora están triunfando a tope", destaca Casalderrey con orgullo.

O espírito do FICBueu
Tanto Brotherhood como Mémorable son dúas curtas con "un espírito moi FICBueu". Ambos filmes inciden moito no tema social, sobre todo Brotherhood, na que se indaga no que son os problemas familiares e persoais. Tamén se mestura algo de problemática cultural e para Seve era unha curta que "non había dúbida. Hai algunhas que vemos e dicimos: Bueno, está ben, pero igual lle falta algo. Neste caso foi: Non pode faltar".

A pesar de que a curta francesa e bielorrusa son as dúas que pasaron por o FICBueu e remataron nomeadas aos Oscar, houbo outras curtas con "esencia" que tamén pasaron polo festival de Bueu. É o caso da gañadora da última edición Cadoul de craciun, unha curta rumana. "Eu confiaba moito en que tamén estivese nos Oscar, pero non me saíu ben a predición. Chegou a ser finalista, e non pasou. Si que é certo e que é interesante que esa curta gañou nos Premios del Cine Europeo, que son galardóns que sempre hai que ter en conta. Dende o meu punto de vista o proceso de selección neste caso parece máis serio. Nos Oscar as curtas non son o fundamental, pero polo menos teñen a súa pantalla".

O descoñecemento da xente
Ao igual que nos Oscar as curtametraxes desenvolven un papel máis ben secundario, a xente de a pé non chega a ser consciente da calidade destes formatos. O subdirector do FICBueu resalta que "moita xente non sabe o que son as curtas pola súa pouca experiencia, quizais. Cre que é un xénero menor, aínda que é máis un formato no que calquera xénero é posible e a calidade pode ser altísima".

Un dos obxectivos do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu é intentar romper esa barreira e facer un proceso de educación e "en Bueu está superada. A xente da vila sabe que hai cousas moi interesantes neste ámbito. Hai xente de fóra que tamén se interesa", anota Severiano Casalderrey.

"Algunha vez a xente paroume pola rúa e chegoume a dicir: Pódese decir que por acá pasa o mellor do mundo. E eu sempre digo que as mellores igual non son todas, pero unhas cuantas si. Valórase moito a calidade e é algo que a xente por circuntancias se cre que é algo máis amateur. Non é así. Hai cousas de moita calidade", conta Seve.

Rivais complicados nos Oscar
Este domingo será a hora da verdade e todas as cartas están sobre a mesa. Para Serveriano Casalderrey "é unha lotería", polo que cre que é complicado adiviñar quen se pode levar a estatuíña tanto na categoría de Brotherhood como na de Mémorable. Aínda así, o do FIC anota que "a min faríame moita ilusión que o conseguiran".

No caso da curtametraxe de animación, Mémorable, compite na mesma categoría que a coñecida produtora Pixar, que "iso sempre é un duro óso de roer". "Sempre hai rivais que levan as de gañar. A nosa curta, Mémorable, está moi ben, a verdade. Cando a puxemos no FIC levaba tan só tres meses de percorrido e estaba moi recente. Non che diría que non ao de gañar. O director ten unha traxectoria de case 20 anos e o de ter un nome sempre dá xogo", explica o subdirector do FIC. Por outra banda, no caso de Brotherhood "podería chegar a gañar. Non che digo que non e non o descarto. Estaremos ahí confiando".

A pesar de que aínda non se celebraron os de este ano, Severiano Casalderrey xa pensa nos próximos grazas a curta bielorrusa Lake of Happiness. "Está coméndose todo e vai a dar moito que falar, sen dúbida. Cando a tivemos en Bueu estaba moi recente e agora xa está incluso preseleccionada para os Premios de Cine Europeo da edición deste ano".

O feito de que as curtas do FICBueu pasen por grandes festivais e incluso cheguen aos Oscar é unha mostra do traballado da organización: "Sería casi impensable que en edicións anteriores estivesen os títulos do ano pasado. Demos un gran salto".

Comentarios