O Estaleiro da Banda do Río, na segunda fase de restauración

Completará o proceso con obras complementarias
2020080216533979060
photo_camera Algunhas mostras de embarcacións no Estaleiro da Banda do Río. DP

O concello de Bueu acometerá a segunda fase da restauración do Estaleiro da Banda do Río como remate das actuacións de restauración e musealización do antigo estaleiro grazas a unha nova achega da Deputación de Pontevedra por valor de 112.138,45 euros. A subvención foi aprobada dentro da liña 1 do Plan Concellos.

Esta segunda fase completará o proceso de restauración do estaleiro mediante a execución de obras complementarias, a urbanización exterior e a musealización do espazo que permitirán, unha vez rematadas, que o estaleiro poida abrirse ao público. Contémplase a execución da restauración dos obxectos que van a ser expostos e o traslado dos barcos así coma a instalación de toda a sinalización que guiará ás e aos visitantes ao longo da exposición. O espazo urbano completarase con dous bancos de madeira e pavimentación.

O ente provincial xa achegara fondos para a execución da primeira fase do proxecto, que consistiu na consolidación estrutural do estaleiro, a substitución de todos os elementos de cubertas, a execución do peche perimetral así como das instalacións e na pavimentación das beirarrúas máis próximas ao edificio. Compre destacar que o estaleiro da Banda do Río é o único que conserva unha carpintería de ribeira na ría de Pontevedra e nel traballaron moitos profesionais e mesmo veciños da propia vila de Bueu, que construíron alí incontables embarcacións.

Comentarios