"Estou moi orgulloso; penso que 'Ons' é o meu mellor filme"

Alfonso Zarauza e 'Ons' chegaron este mércores ao FICBueu para amosar ao público as primeiras imaxes dun filme enigmático que terminou a súa rodaxe en plena pandemia pola covid-19. Agora, Zarauza xa está preparado para percorrer con el festivais de cine de todo o mundo
Alfonso Zarauza. CEDIDA
photo_camera Alfonso Zarauza. CEDIDA

NIN OS temporais atlánticos nin a covid-19 puideron frear a rodaxe dunha das películas máis esperadas polos espectadores galegos. En medio dunha difícil situación para o sector do cine e a pandemia, Ons saíu á luz. O seu director, Alfonso Zarauza, espera que esta "poderosa" película chegue as salas de cine a comezos do próximo ano.

Que significa para vostede poder volver a falar de Ons despois de toda a situación que se está vivindo pola covid-19?
Alegrame moito, porque foi un ano complexo para o mundo en xeral, para a cultura en particular e para o cine en concreto. Levamos moitos meses de incerteza, sin saber que iba a pasar. Antes da pandemia iamos moi ben encamiñados. Foi todo moi raro, pero a pesar diso agora estannos chegando moi boas sensacións por parte dos festivais. Por fin se vislumbra un pouco esta incerteza.

Como lle afectou esta crise ao sector do cine?
As rodaxes son moi complicadas. Aínda que se pode rodar e hai protocolos, arríscaste a que un actor o un membro do equipo se contaxie polo que sexa, paralízase a rodaxe e é unha catástrofe, non só económica e sanitariamente, senón en xeral para o proxecto. A nivel de salas é un desastre, porque os cines non teñen nin a metade de capacidade que antes.

"Os festivais que temos en Galicia teñen un nivel altísimo, unha exquisitez na programación e un bo gusto nos contidos"

Cre que haberá secuelas a raíz desta situación no sector?
Déronme a mala noticia de que o Multicines Norte pechou e para nós é unha catástrofe importante. Era dos poucos da provincia e o único en Vigo que apostaba por cine de autor ou cine galego. Estamos bastante orfos, tanto en Vigo como en Pontevedra. Se temos catro cines que aposten por nós e pechan dous deles, o panorama complícase moito.

Antes da pandemia tiveron problemas co clima en Ons...
Nós buscabamos a choiva. Tivemos cinco temporais mentras rodabamos, pero era un pouco o que buscabamos. O que se paralizaba realmente eran as entradas e as saídas da illa, nós quedamos alí illados, pero a rodaxe non se paralizou en ningún momento.

Esa búsqueda da choiva acabou formando parte do que querían transmitir de Ons...
Para nós era moi importante o clima, as atmosferas climáticas propias da illa. Iso é complicado de retratar, o clima da illa e moi cambiante e tes que recoller moitos tipos en meses moi complicados como foron outubro e novembro. Era complicado, pero moi apetitoso a nivel estético. Queda moi poderoso no cine e na película.

De onde xurdiu a idea de sacar adiante Ons?
A min sempre me gustaron as illas para rodar porque son lugares xeograficamente determinados, teñen límites visibles e entón iso xera unhas connotacións moi poderosas. En concreto a Illa de Ons, que é uha illa á que levo indo toda a vida. Fun madurando con ela. Sempre me fascinou e sempre me pareceu moi poderosa, non só pola forza que ten a nivel de beleza paisaxística senón polo contorno humano. Por moitas cousas é unha illa con moito atractivo.

O que intenta con iso é amosar esa parte humana de Ons que moitos descoñecen?
Como todos os paraísos teñen unha contrapartida: unha parte é paraíso e outra parte inferno. No verán é unha illa soleada, chea de xente, un paraíso turístico. En inverno é un ambiente illado, con moi poucos habitantes que podes contar coas mans, cun clima duro do Atlántico, un mar moi bravo, os temporais que entran e atravesan a illa... É moi fermosa das dúas maneiras. A min gústame máis en inverno, porque é completamente verde; agroma a vida por todos lados.

Que vai atopar o espectador en Ons?
Creo que van atopar unha película moi enigmática, poderosa e fermosa, tanto a nivel estético, fotográfico, colorista e plástico, como a nivel conceptual, discursivo. É un filme co que estamos moi contentos co resultado e moi exquisito a moitos niveis.

Cre que é o filme que máis lle chegou a vostede emocionalmente?
Todos os meus proxectos no momento de traballalos entrégome ao 100%, pero este foi especialmente duro de sacar adiante, pero ao mesmo tempo moi gratificante. É do que estou máis orgulloso, penso que é o meu mellor filme. Teño moitas ganas de que se vexa e que sexa agora disfrutado polo espectador, que é cando deixa de pertencerche a ti e comeza a pertencer a todo o mundo.

Que supón para vostede que o FIC lles deixe un rincón para expresarse?
Os festivais que temos en Galicia son incribles. Teñen un nivel altísimo, unha exquisitez na programación e con bo gusto nos contidos. O FICBueu sempre está apostando por nós e é un feito moi agradecido.

Comentarios