Unha etapa pola Costa da Vela pecha a tempada das 'Deporutas BTT'

Segundo informan desde o Goberno provincial, case 900 persoas participaron este ano no programa
Ruta pola Costa da Vela. CEDIDA
photo_camera Ruta pola Costa da Vela. CEDIDA

A Deputación de Pontevedra pechou este domingo a terceira edición das 'DepoRutas BTT', o programa de deporte e turismo sustentable, que este ano contou con cinco rutas en Meis, Silleda, Nigrán, Salceda de Caselas e Cangas, nas que participaron un total de 887 deportistas ao longo dos meses de agosto, setembro e outubro.

Unha espectacular etapa pola Costa da Vela no concello de Cangas foi a ruta final desta edición que esgotou todas as prazas. De feito, trescentas persoas participaron nesta última 'Deporuta BTT', á que asistiu a deputado de deportes Gorka Gómez, e que discorreu por un entorno natural privilexiado. O percorrido que realizaron as e os participantes foi circular e tivo como punto de saída e chegada a antiga fábrica de conservas de Massó. As e os ciclistas discorreron os primeiros quilómetros da mesma por sendeiros a pé de mar que os levaron ás praias de Liméns e Nerga. Unha vez superado este espectacular tramo dirixíronse a un entorno incomparable como é a zona de Cabo Home e  a praia de Melide, gozando deste xeito dunhas fermosas  vistas á ría de Vigo e ás illas Cíes.

O programa 'DepoRutas BTT', cuxa terceira edición xa se está a preparar, propón rutas totalmente gratuítas co obxectivo de fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia e a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. Está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables. Amais, a institución provincial pon a disposición de todas as e os participantes a cobertura de seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo sanitario, servizo de asistencia durante o percorrido, dous avituallamentos, servizo de lavado de bicicletas e servizo de vestiarios.

Comentarios