Falece o pintor José Solla

O creador, que alternaba estadías en Bueu e en Mar del Plata, morreu este xoves en Arxentina aos 93 anos
El pintor marinense José Solla, autor de la exposición. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera El pintor José Solla. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

O pintor de Marín José Solla vén de falecer, aos 93 anos, en Mar del Plata (Arxentina). O creador, que alternaba estadías nesa cidade e en Bueu, mantiña unha forte vinculación coa provincia de Pontevedra, onde nos últimos anos chegou a protagonizar ata dúas grandes exposicións: a primeira, en 2006, no Pazo da Cultura; a segunda, en 2018, no Museo de Pontevedra.

O comisario desta última foi Ramón Rozas, que onte manifestaba o seu "profundo pesar" polo pasamento de Solla. "A súa última gran exposición, pola que tiña unha gran ilusión e pola que tanto pelexou, foi esa gran retrospectiva que se lle fixo no Museo. Dela quedou moi satisfeito e moi feliz", lembra Rozas.

"Precisamente porque, se algo caracterizou a José Solla, foi sempre a súa ilusión. Pese ao paso dos anos, mantiña vivo ese constante desafío do artista fronte á pintura".

Segundo o comisario daquela mostra, o goce era unha das características fundamentais do traballo de Solla. "A sua pintura buscaba sempre a ledicia, a sensualidade, o carácter máis lúdico da vida. Era sorprendente ese empeño seu por seguir facendo da pintura un ámbito lúdico".

Outra cuestión fundamental para Rozas á hora de analizar a figura de Solla é a súa capacidade para "unir as dúas orelas do Atlántico". "A súa vida desenvolveuse en Mar de Plata, en Arxentina, pero cada ano voltaba a Bueu e en Bueu atopaba inspiración para os seus cadros. Aquí se enchían de figuras da nosa terra, de xentes, de lendas, de mitoloxía, de cruceiros... Todo iso era un sustrato que lle servía para recargar pilas durante o verán e despois, ao volver a Arxentina, desenvolver esa pintura súa".

Nacido en Castro, Marín, en 1927, José Solla estableceuse en Mar del Plata en 1950. Estudou na Escola Superior de Artes Visuais Martín A. Malharro con Demetrio Urruchua, mestre de moitos artistas de orixe galega. En 1963 enviou por primeira vez unha obra a un concurso. Acadou o terceiro premio.

Ao ano seguinte comezou a expoñer. En 1998 decidiu deixar de enviar traballos a certames. Ata ese momento conseguira 63 galardóns. Entre 1976 e 1978 traballou en España de bolseiro do Instituto de Cultura Hispánica. Ao ano seguinte integrouse como artista exclusivo da Galería de Arte Wildenstein. Protagonizou mostras por todo o mundo, dende Buenos Aires a Nova York pasando por Seúl, Bruxelas, Madrid ou Montreal. Ao mesmo tempo, Solla desenvolveu unha intensa actividade cultural en Mar del Plata en concreto e na Arxentina en xeral. En 1961 fundou a Galería de Arte Solla, hoxe unha das máis antigas do país. Foi fundador do Grupo Mar del Plata e director do Museo Castagnino. En 2003 foi declarado Cidadán Ilustre de Mar del Plata.

As homenaxes tamén chegaron en Galicia. En 2012, o Concello de Bueu dedicoulle o paseo que rodea as praias de Agrelo e Portomaior.