Fecimo súmase á Plataforma polo Comercio Local fronte ás grandes áreas

Rexeita totalmente o proxecto de Porto Cabral, en Vigo

Rúa Eduardo Vincenti de Bueu, unha das arterias comerciais da vila. ARQUIVO
photo_camera Rúa Eduardo Vincenti de Bueu, unha das arterias comerciais da vila. ARQUIVO

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), a través das súas asociacións locais de Bueu, Cangas e Moaña, uniuse á denominada Plataforma polo Comercio Local na defensa dos intereses do pequeno comercio de proximidade. Esta entidade ten como obxectivo protexer os establecementos dos barrios e centro das vilas fronte aos modelos comerciais das grandes superficies, "que pretenden trasladar aos clientes cara a emprazamentos afastados lonxe dos centros das cidades", sinala.

Os responsables empresariais do Morrazo resaltan que "o modelo de cidade que queremos para a nosa contorna é o dunha urbe que medra dende o seu centro cara ao exterior, dotando de vida e servizos aos barrios e rúas, e facendo as nosas vilas máis agradables e transitables". Por contra, inciden en que "os modelos de grandes superficies actuais actúan como polos de atracción que deshumanizan os centros das vilas e converten os barrios en lugares utilizados só como dormitorio".

"Proxectos como o de Porto Cabral, en Vigo, centran as preocupacións da plataforma, xa que xogan coa desinformación da poboación para vender unha iniciativa atractiva e amigable cara ao cidadán, cando a realidade é totalmente contraria. Por citar un exemplo, dos 4.000 empregos que promete crear, a plataforma estima que destruirá alomenos outros 6.000 no pequeno comercio da zona", engade Fecimo.

Neste sentido, a Federación tamén sinala que "proxectos como Porto Venecia, en Zaragoza (promovido polo mesmo grupo que pretende instalar Porto Cabral) ou Marineda City na Coruña, xa deixaron notar o seu impacto negativo na vida comercial das súas respectivas cidades".

CORPORACIÓNS. Fecimo, a través das súas asociacións locais, reuniuse cos alcaldes dos concellos de Moaña, Cangas e Bueu para solicitar o apoio destas corporacións ao manifesto en rexeitamento do proxecto de Porto Cabral. "A resposta foi moi positiva por parte dos tres rexedores e nas vindeiras datas cada Corporación debaterá en Pleno as propostas", sinala a entidade empresarial nun comunicado.

A plataforma está integrada, ademais das asociacións de comerciantes do Morrazo, polas de Vigo, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Nigrán, Baiona e Gondomar, aínda que se agarda que se continúen sumando outras da contorna.

Comentarios