Félix Juncal: "En 1995 entrei nun goberno en coalición co PSOE, non sería novidade"

O nacionalista asegura que "aínda non houbo conversas" cos socialistas e considera que "as forzas progresistas teñen o deber de chegar a acordos e entenderse"
Félix Juncal. DP
photo_camera Félix Juncal. DP

O BNG volveu conseguir a vitoria na localidade bueuesa por quinta ocasión consecutiva, aínda que, igual que nos comicios de 2019, non logrou alcanzar a maioría absoluta para poder gobernar en solitario con oito escanos. Félix Juncal e o seu equipo, que sumaron preto dun 44% dos votos, débense agora a un posible pacto co PSOE, que sumou dous edís. Esta coalición permitiríalles gobernar comodamente fronte aos sete concelleiros conseguidos polo PP.

"Nestes momento a decisión da xente conleva, igual que hai catro anos, que non hai maiorías para gobernar por si soas e que se abre a posibilidade de que haxa alternativas de goberno. No noso caso somos a forza máis votada e polo tanto a primeira alternativa e podería haber un goberno en coalición que sexa suficiente para poder tomar as decisións que hai que tomar cara ao futuro", expresou Félix Juncal, consciente de que a decisión "non só vai ser unha vontade miña ou do BNG, senón que neste caso hai outros factores e outros grupos que tamén terán que pronunciarse ao respecto sobre cales son as súas ideas ou intencións".

Tamén existirían dúas posibilidades, que o BNG gobernase sen a maioría ao non aceptar o PSOE a coalición ou que estes últimos pactasen co Partido Popular. Ambos feitos, non preocupan a Juncal, que lembrou que en 1995, co BNG "entrei nun goberno en coalición co PSOE, polo tanto non é novidoso que poida haber gobernos diversos. Se funciona como funcionaron nos últimos catro anos, que para min foi un éxito, entendo que pode ser viable un goberno similar con outro grupo".

Juncal asegurou que "aínda non houbo conversas" cos socialistas, pero confía na premisa de que "as forzas progresistas teñen o deber de chegar a acordos e entenderse".

No noso caso somos a forza máis votada e polo tanto a primeira alternativa para poder gobernar

A pesar de non acadar a maioría, mostrouse satisfeito pola vitoria e asegurou que "gañar cinco eleccións consecutivas non é tarefa sinxela". Con todo, asegurou que "somos a forza que segue tendo máis apoio a nivel electoral". Concretamente, os nacionalista sumaron nestas últimas eleccións municipais, celebradas o domingo, 2.778 votos, polo que Félix Juncal quixo "agradecer a esas persoas que siguen confiando en nós".