Unha Festa do Polbo como as de antes enche Bueu durante tres días

A feira reuníu a pasada fin de semana a centos de asistentes nunha edición marcada pola recuperación das cifras prepandemia
Última xornada da Festa do Polbo. ANXO LORENZO
photo_camera Última xornada da Festa do Polbo. ANXO LORENZO

A vixésimo primeira edición da Festa do Polbo chegou o pasado sábado á localidade bueuesa pisando forte. Os cheos absolutos que presentou o evento durante os tres días de celebración indican que, a pesar dos dous anos de parón por motivo da situación sanitaria, esta feira gastronómica, que pretende poñer en valor o produto estrela das rías baixas, continúa supoñendo unha cita de reclamo na programación do verán morracense.

Segundo se informou dende o Concello de Bueu, o regreso da Festa do Polbo supuxo un gran éxito durante toda a fin de semana, rexistrando "datos moi bos, cun incremento con respecto a anos anteriores". Centos de persoas participaron tanto no aspecto gastronómico, presentando longas colas diante dos postos de comida, como no resto de actividades, xa que a programación completouse con citas de carácter cultural.

Para o Goberno local, a instalación da carpa no aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns de Urbano Lugrís, "foi todo un acerto", cuestión na que non coincide a xerente de Frigoríficos Rosa de los Vientos, Mercedes González. Esta asegura que "a feira puido ser máis, nunha ubicación na que a carpa fora máis grande e houbera máis espazo para sentarse". A pesar disto, González traslada que tanto ela como os outros dous establecementos participantes, O Rincón de Cela e Casa Acuña, valoraron "positivamente" a fin de semana.

En canto ao consumo, a hostaleira asegura que "se recuperaron as cifras previas á pandemia", sinalando a ración de polbo á feira como a favorita entre os asistentes. Non obstante, Mercedes admite que "á xente gústalle probar", por iso tamén triunfan os sucedáneos á típica receta, como o polbo con habas, con arroz, en empanadas ou en croquetas.

Comentarios