A Festa do Polbo despachará dende hoxe ata o luns máis de 3.000 quilos de produto

Tres locais de hostalería de Bueu ofrecerán máis de vinte especialidades cun prezo de entre oito e doce euros
Inauguración da Festa do Polbo este sábado. ANXO LORENZO
photo_camera Inauguración da Festa do Polbo este sábado. ANXO LORENZO

Máis dunha vintena de especialidades e formas de cociñar o polbo poderán ser degustadas dende o sábado ata o próximo luns en Bueu. O aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos xardíns de Urbano Lugrís, acollerá este fin de semana a 21ª edición da Festa do Polbo, un evento de carácter gastronómico que se combinará cunha programación cultural e festiva co que o Concello da localidade, en colaboración coa Confraría de Pescadores de San Martiño, pretende poñer en valor o produto estrela das rías baixas.

A inauguración da festa correu a cargo do xornalista Fran Cañotas, que protagonizou a lectura do pregón hoxe ás 12.00 horas. Previamente, ás 11.00 horas, tivo lugar a descuberta dun polbo de madeira elaborado polo curso de talla de Bon, que se instalou fachada da Praza de Abastos, seguido dun pasarrúas da Banda de Gaitas Retrouso. Pola noite, Charanga Barafunda ofrecerá amenización musical cunha actuación que comezará ás 21.00 horas.

En canto aos postos de venda de polbo, estes inicaron a súa actividade a partir das 12.30 horas. O primeiro turno rematará ás 16.30 horas, volvendo a abrir os stands de 19.30 horas ata medianoite, un horario que se desenvolverá da mesma maneira durante os tres días que dure a feira.

As diferentes especialidades terán un prezo que, segundo a ración, varía entre os oito ata os doce euros, e serán preparadas por tres establecementos do municipio: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña. As ofertas destes locais permitirán atopar o produto estrela da festa en empanadas de trigo ou millo, croquetas, acompañado de arroz ou setas, en tosta con queixo de tetilla, en pizza, tortilla ou ensalada. Ademais, entre as formas de cociñar dito cefalópodo destacarán o polbo á feira, en caldeirada ou á prancha con cachelos.

O domingo comezará a súa programación ás 11.30 horas coa posta en marcha de xogos populares organizados polo club de atletismo Corredoiras. A partir das 12.00 horas arrancará un pasarrúas e, en diferentes puntos da vila, poderase admirar un Polbo Xigante, de 15 metros de longo e elaborado a partir de globos biodegradables.

O derradeiro día festivo, o luns 15 de agosto, abrirá a xornada cunha actuación da Charanga Noroeste ás 12 horas. O evento será clausurado cunha actividade infantil que terá lugas ás 20.30 horas contando con persoal especializado en necesidades especiais e nas que poderán participar nenos e nenas presentando os tickets de compra da feira.

Comentarios