Unha festa no presente para non olvidarse do pasado

Beluso acolleu onte unha nova edición das freguifestas impulsadas polo Concello de Bueu polas diversas parroquias da vila

Foto de familia dos asistentes co concelleiro de Cultura, Xosé Leal, e o artista Xurxo Souto. ALBA SOTELO
photo_camera Foto de familia dos asistentes co concelleiro de Cultura, Xosé Leal, e o artista Xurxo Souto. ALBA SOTELO

Non hai maior patrimonio cas festas parroquiais galegas. Coidalas e mantelas no tempo é unha responsabilidade que atinxe ás administracións e ás asociacións culturais en certa medida, pero é a implicación dos veciños a que de verdade consegue facer dunha pequena romaría, unha festividade marcada no calendario. No caso da parroquia de Beluso, a Festa dos Mozos era unha desas citas ineludibles para a veciñanza da parroquia, pero a súa celebración acabou por perderse.

Ata o mércores. A segunda freguifesta que organizou o Concello de Bueu rescatou do olvido o festexo desta parroquia buenense, axudado por todos os habitantes dela, que participaron na recreación de fotos antigas da época na que se levaba a cabo esta festa patronal. Foi unha xornada "moi emotiva", segundo explicou a fotógrafa encargada de dirixir a ruta, Alba Sotelo, que estivo acompañada da narración do artista Xurxo Souto, coñecido por ser un gran recopilador da tradición popular galega e que aproveitou para compartir con todos os asistentes á freguifesta os recordos que ten de cando, de mozo, viña a Bueu a tocar o seu acordeón cun grupo de amigos.

Xunto aos dous artistas encargados de dirixir aos veciños que acudiron á recreación fotográfica estivo o concelleiro de Cultura, Xosé Leal. O grupo folclórico Trébede e as súas pandereteiras puxéronlle o toque musical á festa, na que tamén se homenaxeou a unha das veciñas que, durante anos, foi a encargada de organizar a Festa dos Mozos de Beluso: María José Seijas Pazó.

O exitoso Peter Punk Pallaso encargouse de non deixar decaer os ánimos da rapazada durante a tarde e xa entrada a noite, a partir das 21.00 horas, o grupo Blues do País ofreceu un concerto da man de Bieitta James, Pepe King e o Bluesmanciño, tres músicos que compoñen blues en galego cunhas letras propias destas terras, cheas de retranca e de sátira.

As próximas freguifestas serán en Ons, o día 18, e en Cela, o vindeiro 25 deste mes.

Comentarios