Carlos Núñez abrirá este sábado as Festas do Carme de Bueu cun concerto a portas abertas que terá lugar nos Xardíns do Valado ás 20.30 horas. As festividades prolongaranse por primeira vez ao longo de toda a semana, ata o vindeiro luns, 17 de xullo.
As celebracións terán a música e a cultura mariñeira como protagonistas, coa intención de facer un agarimoso recordo as tradicións da vila, como xa ocorreu en eventos anteriores.
O concelleiro Xosé Leal resaltou este venres, durante a presentación da programación, que este ano se apostou por unha "selección variada e para todos os públicos". Na carteleira podemos atopar dende unha sesión DJ adicada ás xeracións máis novas, ata un concerto de rock da man do grupo Claxxon.
A Orquesta Trébor será a encargada de por o broche final á conmemoración xunto co, xa esperado, espectáculo pirotécnico.
"A xente do mar ten moita devoción por estas festas, buscamos que todos poidan gozar destes días de troula", asegurou o concelleiro que este ano, ademáis de memorar a pesca de baixura, típica da zona, dará comezo o próximo xoves o evento A pota vai de festa. Trátase dunha actividade impulsada pola Organización de Produtores da Pesca Fresca de Vigo que terá lugar na praza de Abastos e na que se poderá probar o seu produto e, desta forma, festexar tamén a pesca de altura.
Outras das incorporacións máis importantes do ano son as atraccións, que se instalarán na zona dos lagos e que preveen atraer a familias da vila e veciñas, e o campionato de España de drons Bueu GP, que se realizará o sábado 15 no recinto Multiusos da Estacada.
As misas ás Virxes das Dores e do Carme , así como a misa solemne e a procesión marítima, paradas obrigatorias para a xente do mar, desenvolveranse a vindeira fin de semana.
Todas estas actividades están financiadas polo Concello de Bueu coa axuda da Comisión de Bueu en Festas e a Parroquia de San Martiño de Bueu.