O FICBueu 2020, un "espazo seguro" para gozar das mellores curtametraxes

O Centro Social do Mar acolleu este martes a presentación do evento, que este ano duplicará as sesións de proxección de cada sección dada a redución de aforo no auditorio
Vicky Alonso, Jacobo Sutil, Manuel Pena e Xosé Leal durante a presentación do evento. A. PAZ - FICBueu 2020
photo_camera Vicky Alonso, Jacobo Sutil, Manuel Pena e Xosé Leal durante a presentación do evento. A. PAZ

Un espazo seguro. Ese foi o factor común posto en escena este martes durante a presentación do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que ofrecerá entre o 11 e o 19 de setembro o mellor cinema en formato curto. No acto estiveron presentes tanto representantes da organización como do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e de Agadic da Xunta de Galicia.

"A principal razón de ser dun festival son as películas, polo que se decidiu poñer todo o foco nas proxeccións e dedicarlles o máximo espazo posible para que as e os espectadores poidan visionalas", lembrou o director do FICBueu, Manuel Pena.

Paralelamente, durante os días do festival, que se alargará durante máis dunha semana, "poranse en práctica todos os protocolos establecidos polas administracións estatal e autonómica" para garantir a seguridade de público, persoas convidadas e traballadoras.

Ademais nesta edición o público pasará a ser un imperativo importante durante o desenvolvemento do evento, un feito que se destacou no deseño do cartel, no que se lle fai homenaxe aos "espectadores máis fieis do Festival". Neste aspecto tamén quixo incidir Xosé Leal, concelleiro de Cultura de Bueu, que expresou que o público do festival "é fiel e local. A gran maioría son persoas de Bueu o que se converte nun dos grandes éxitos do FICBueu".

Leal apuntou que o festival "se organiza desde o cariño, pero tamén desde a responsabilidade", polo que "tanto veciñanza como visitantes van atopar un espazo seguro". "A xente quere cultura segura e o FICBueu vai ser un bo exemplo", concluíu.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, corroborou que o programa do festival "non é de transición, senón que se trata dunha edición da máxima calidade" da que "as e os asistentes poderán gozar nunha contorna segura". Sutil agradeceu a "valentía" da organización. Tamén a deputada de Cultura, Victoria Alonso, agradeceu "o traballo extra realizado pola organización para chegar ao máximo de espectadoras e espectadores coa mesma calidade".

Medidas. Adaptación á pandemia
Todas as actividades do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu se desenvolverán en dependencias do Centro Social do Mar. Dada a redución do aforo no auditorio, "optouse por duplicar as sesións de cada sección", explicou Manuel Pena. Tal é o caso da Sección Internacional, con catro pases diarios de luns a venres, ou dos apartados España e Galicia R, con tres sesións na vindeira fin de semana, na que tamén se proxectará a Sección Experimental, "coas curtas máis vangardistas e arriscadas".

Por outra parte, como non será posible a asistencia de alumnado, "programáronse as seccións Infantil e Familiar, abertas ao público, sábado e domingo pola mañá". A isto súmase a Gala Escolas Galegas e a nova Sección Escolas Internacionais, así como un apartado dedicado á Comedia.

Comentarios