O FicBueu pule o seu récord de asistencia con 15.400 persoas contabilizadas

A asociación retomará a actividade en outubro ofrecendo novos obradoiros cinematográficos

Público no FICBueu. C.NEIRA
photo_camera Público no FICBueu. C.NEIRA

Unhas 15.400 persoas pasaron polo 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu desde a súa inauguración, o pasado 7 de setembro, ata o pasado domingo, día 16, xornada na que se pechou a Ruta das Tapas Cinco Estrelas. Todos os pases das seccións competitivas, así coma os actos de apertura e clausura do evento, penduraron o cartel de "non hai billetes" no Centro Social do Mar. Tal foi o caso tamén da maioría de actividades paralelas, coma o concerto de Xoel López, o monólogo de Carlos Blanco ou o espectáculo familiar de Paco Nogueiras. Tamén as charlas-vermú de carácter cinematográfico e os coloquios cos cineastas convidados rexistraron moi boa acollida, enchendo as localidades dispoñibles no Punto de Encontro.

Máis de 5.000 persoas pasaron polas proxeccións do certame. Nesta cifra inclúese tamén aos 1.400 alumnos dunha decena de centros educativos do Morrazo que asistiron ás seccións Infantil, Xuvenil e Irmandade coa actividade O meu primer festival de cinema. Máis de 3.000 persoas acudiron ás restantes actividades, mentres que a ruta das tapas que se desenvolveu nos establecementos locais contou con 7.200 comensais. O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu bateu así todos os récords de participación na súa décimo primeira edición, cuxo programa contemplaba medio cento de propostas e 80 filmes.

A asociación retomará a actividade en outubro ofrecendo novos obradoiros cinematográficos, a maiores dos que xa están previstos para colectivos vulnerables no marco da Área Social do festival. A proposta xorde tras recibir varias peticións para que esta formación se abra ao público xeral, co cal se impartirán cursos para todas as idades nos que achegarse á escritura, planificación, rodaxe e montaxe dun filme.

Comentarios