O finado Celso Parada convida na súa esquela a despedilo cun sorriso

"Voume co inmenso pracer do traballo", deixou dito o actor e director
Celso Parada. ESCENA GALEGA
photo_camera Celso Parada. ESCENA GALEGA

A cultura galega despide este domingo xunto á súa familia e achegados o actor e director moañés Celso Parada, falecido o sábado. "Se queredes atoparvos e compartir un sorriso, no tanatorio de Moaña ata o domingo ás seis da tarde", reza a esquela publicada en varios medios galegos, que encabeza unha despedida en verso asinada polo propio autor.

"Voume lixeiro con todo o saber do contador, meu pai Ventura
e toda a alegría da miña nai Bernarda.
Xa non mirarei aos ollos do espectador,
nin a sentir a grande vertixe do actor nas táboas.
Voume co inmenso pracer do traballo,
o teatro como un océano..."
(Celso Parada Fernández)

O actor e director moañés faleceu este sábado aos 61 anos logo de loitar contra unha longa enfermidade. Fundador hai 30 anos da compañía Teatro do Morcego, foi un dos grandes impulsores da escena galega e un dos rostros máis recoñecibles da TVG.

Comentarios