O GALP dispón de 800.000€ en axudas na súa nova convocatoria

O prazo para a presentación de proxectos rematará o 1 de marzo e, a continuación, farase a súa avaliación técnica

Laura Nieto, responsable do GALP, durante unha presentación das axudas que xestiona. TANIA MOREIRA
photo_camera Laura Nieto, responsable do GALP, durante unha presentación das axudas que xestiona. TANIA MOREIRA

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra ten aberta ata o vindeiro 1 de marzo unha nova convocatoria de axudas para diferentes proxectos relacionados co mar, para a que conta con preto de 800.000 euros dos case 4,3 millóns que xestiona no período desde 2016 ata 2020.

"A presentación de solicitudes pode facerse en calquera momento, pero no mes de marzo farase a vindeira avaliación dos proxectos que se teñan presentado", explica a responsable da entidade, Laura Nieto, que matiza que "polo momento están resoltas todas as iniciativas presentadas, aínda que agardamos que nos vindeiros dous meses entren novas propostas".

Ao longo deste ano, o GALP leva aprobados dezasete proxectos, a maioría deles promovidos directamente por empresas e englobados, polo tanto, no ámbito do orzamento que xestiona a entidade para actividades produtivas. Mentres no ano 2016 todas as axudas a proxectos produtivos aprobadas foron a parar a empresas do sector pesqueiro, na convocatoria de 2017 tamén hai entre as iniciativas presentadas propostas de diversificación de firmas turísticas e de servizos relacionados co mar ou coa poboación local.

O ano pasado, una vez rematada a correspondente conovocatoria, a entidade financiou dez proxectos, que contaron con 679.763,99 euros en axudas. Deles, catro corresponden a empresas do sector pesqueiro (tres afincadas no Porto de Marín) e representan o 49,3 por cento das axudas do exercicio.

Os proxectos denominados "produtivos" poden acadar ata un 50 por cento do seu orzamento en axudas, chegando o límite ata o 80 por cento en caso de estar relacionados coa pesca costeira artesanal. Os "non produtivos", impulsados por institucións como confrarías, concellos, asociacións ou entidades diversas, teñen a posibilidade de financiarse na súa totalidade polos fondos que xestiona o GALP.

Esta entidade, coas súas oficinas no Porto de Marín, xestiona un proxecto europeo co obxectivo de promover o desenvolvemento económico sostible do contorno da Ría de Pontevedra a partir dos recursos mariños e pesqueiros en particular. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro e recoñecida pola Consellería do Mar como entidade colaboradora para o desenvolvemento deste proxecto, que inclúe como liña de acción principal a xestión de axudas a persoas, empresas e entidades do territorio que promovan proxectos relacionados co sector pesqueiro ou co mar en xeral e a posta en valor dos recursos do territorio ou a xeración de novos servizos.

A entidade conta cun orzamento total de 4.286.181,20 euros para o financiamento de proxectos no período 2016-2020, que deben desenvolverse nos concellos de Bueu, Marín, Meaño, Poio, Pontevedra e Sanxenxo, e ademais deben cumprir coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

Ademais das axudas a proxectos, conta con orzamento para levar a cabo actividades de dinamización, entre as cales se atopa o proxecto "pescadoartesanal.com", unha plataforma web de venda das lonxas da Ría de Pontevedra que permite a calquera comercializador ter acceso ao produto pesqueiro e marisqueiro de calidade capturado con artes artesanais na ría pontevedresa. Esta iniciativa, que tamén comprende a diferenciación do produto pesqueiro local a través de distintivos, foi recoñecido no ano 2016 pola Unión Europea como exemplo de boas prácticas.

Comentarios