García MC: "A cultura non ten que estar tutelada polo Estado; é algo libre"

O Parque Azul de Cantodarea acollerá o sábado a primera edición do ‘Marín é Música’, onde estarán García Mc & Nación Quilombo, xunto a Rayden. García Mc, que sacará próximamente novo tema con Nastasia Zürcher, é considerado un dos referentes da cultura hip-hop en Galicia
García MC. CEDIDA
photo_camera García MC. CEDIDA

Que significa para vostede ser un dos artistas que formen parte da primeira edición do ‘Marín é Música’?

Estamos encantados. Realmente cada vez que nos chaman, sexa onde sexa, nós estamos encantados de poder estar presentando a nosa música. E máis neste caso, nunha primeira edición dun festival. É como unha responsabilidade extra, como se fose un bautizo. Gústannos os bautizos, as vodas e as comuñóns. Oxalá que deixemos o listón moi alto e animar a toda a xente que aínda o está dubidando, que se achegue, que vai a haber moita poesía. Vai ser unha noite moi poética.

É importante para os músicos e artistas que existan este tipo de eventos e ofertas culturais no outono e que non se aglutine todo no verán?

É moi imporante si, porque se non despois do verán só quedan as salas. Poder facer algo con aforos máis grandes e poder presentalo ao aire libre, para nós é algo perfecto facer cousas en outono. Eu creo que se pode facer moito en exteriores incluso no inverno, poñendo carpas ou sistemas de calefacción de espazos, que existen. Deberían de experimentarse máis ese tipo de cousas que por Europa están á orde do día. Por iso alégrame moito que os festivais non se relacionen só co verán.

Cre que o ‘Marín é música’ pode ser un punto de inflexión para que as institucións aposten máis polos eventos musicais como os festivais en todas as estacións do ano?

Animo a que se fagan eventos tamén en outono e inverno, e por suposto tamén en primavera. A música é vital, é algo que se necesita todo o ano e non soamente en verán. Cando estivemos pechamos na casa pola pandemia todo o mundo consumiu un montón de música. Este é o momento de que nos devolvan o favor e que poidamos tocar moito e saír desta situación, porque estamos desexando estar de novo na estrada.

Que é para vostedes compartir escenario con Rayden?

Estamos encantados de poder tocar con el e de que PlayPlan contase con nós para iso. É unha oportunidade para coñecelo e para estar con el no mesmo escenario. Escoitei temas soltos, pero teño ganas de ver o seu directo e prestarlle máis atención á súa música. Oxalá se cren boas migas e incluso saia un tema conxunto de aquí (risas).

Como foi o verán a nivel de contratacións para a banda?

Foi moi frouxo. Había moito medo a programar porque as normas están cambiando continuamente. Fixemos poucas cousas e difíciles de facer. Tamén coa incomodidade de tocar para un público sentado cando a nosa proposta é máis diferente. Tratamos de adaptarnos a iso para poder expresar algo que dalgún xeito a xente está máis atenta a outra situación na que igual costaba máis manter a atención do público. É moi raro tocar para xente que está sentada. Se é nun teatro, a sensación é outra, pero ao aire libre e con cadeiras é moi estraño. Acabas o concerto e non sabes como te sentes. Tes que modular. Por unha parte tes que facer algo enérxico, pero tampouco te podes volver tolo en escena, quedaría descontextualizado, sería algo disociado.

Este será o voso primeiro concerto postpandemia no que o público estea de pé?

Vai ser unha sensación parecida a de chegar a Ítaca. Para nós vai ser como tocar por primeira vez de novo. É unha liberación poder sentir o feedback do público, da outra forma non sabes de que xeito reciben a túa música. Coa xente de pé facilítanse moito máis as cousas, sería todo máis humano. A vontade no ser humano está nos brazos e nos pés. Está máis no pensar, pero maniféstase a través das extremidades. No momento que estás sentado, a vontade queda anulada.

"É unha liberación poder sentir o feedback do público, da outra forma non sabes como reciben a túa música"

Como viviu o último ano e medio, marcado pola pandemia a nivel musical?

Foi unha hecatombe. Se só vives da música, ou facendo obradoiros como é o meu caso –traballando por conta allea, que non era autónomo– de súpeto non tes acceso a ningunha axuda. Fomos totalmente esquecidos. Se era autónomo algunha axuda había, pero se non, quedaste tirado e sen acceso a nada. A cultura non ten que estar tutelada dende o estado. A cultura é algo libre que ten que partir dende a xente e dende os colectivos, pero cando hai tutelas e dependencias... Tiven que buscar alternativas e, como din, non hai mal que por ben non veña. Tratas de darlle a volta a situación e de facer algo positivo Eu intentei aproveitar o tempo e buscarme a vida en todos os aspectos, tamén a nivel económico.

Tanto agora como noutras épocas da súa carreira, con Dios Ke Te Crew, por exemplo, fai unha forte aposta polo uso do galego en todos os seus temas...

Para nós foi algo totalmente natural. Facíamos rap e os rapeiros que escoitabamos falaban da súa realidade máis directa e para nós iso sería un pouco raro facelo doutra forma que non fose en galego, porque é o noso medio. Logo si que te dabas conta de que estabas contribuíndo á visbilización, á normalización e a potenciar o uso do galego, que está en retroceso. Iso non quita que noutro momento che apeteza escribir noutro idioma. O rap fundaméntase na palabra e para nós era importante facelo en galego. Eu fun tocar a Cuba, México, Guinea Bisseau... e a xente interesábase pola túa cultura e a túa lingua. Para eles era como algo interesante. Logo aquí preguntábanme que por que rapeaba en galego. O problema témolo con nós mesmos e é algo que temos que resolver. As reaccións no estranxeiro son positivas, pero a connotación negativa e velo como un problema é unha cousa que pasa aquí e con ese modelo centralista que temos.

Comentarios