O gran día da Asociación Peis d'hos

Difícilmente poderían ter comezado mellor as actividades presenciais en canto a certames- concurso se refire, como o fixo a Asociación Peis d'hos de Cangas a pasada fin de semana no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, con tres dos seus grupos como mellores das súas respectivas categorías 
Un dos grupos da Asociación Peis d"hos de Cangas, coa súa vestimenta tradicional.
photo_camera Un dos grupos da Asociación Peis d"hos de Cangas, coa súa vestimenta tradicional.

A asociación Peis dhos, de Cangas, foi a agrupación máis galardonada no III Concurso de Música Tradicional Soalleira, celebrado a pasada fin de semana no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo. Foi, ademais, o primeiro certame en formato presencial despois das medidas máis restritivas da pandemia.

"Foi un pracer enorme volver a gozar dun concurso en formato presencial e, sobre todo, dunha xornada de convivencia coma esta, tan necesaria. Tratouse, polo tanto, dunha xornada chea de emocións, emocións que se viron incrementadas, se cabe, ao coñecer o veredicto do xurado", explica o seu presidente, Miguel Sotelo.

Así, a entidade acadou o terceiro premio na categoría A para o grupo infantil, no seu primeiro concurso de forma presencial: son Jimena, Sheila, Laura, Irea, Leire, Sabela G., Alía e Sabela S. Do mesmo xeito chegou o primeiro premio na categoría C para As Mosas do Hío formado por Saínza C., Natalia, Lucía R., Nerea, Lucía A., Mónica, Saínza P., Antía, Cintia, Enma e Sofía. E, finalmente, o primeiro premio na categoría D para Lina e Lola, formado por Mónica, Saínza, Violeta, Claudia, Alba, Melisa, Tania e Paula.

"Dende a asociación queremos dar moitísimos parabéns para estas mozas e á súa mestra, Nébeda Piñeiro, polos éxitos acadados, xa que son un orgullo para nós", sinalou Sotelo, para engadir que "estes premios énchennos de ilusión e son, sen dúbida, un grande aliciente para seguir traballando pola cultura e a tradición galega como vimos facendo ata o momento, sobre todo despois deste ano e medio tan duro".

Invitación. A xunta directiva da entidade aproveitou a ocasión para convidar a todos os interesados a coñecer o seu local de ensaios e traballo, A Piscifactoría de Peis dhos, situado na Avenida de Lugo nº81 (un pouco máis adiante do Auditorio de Cangas, nas instalacións da antiga Piscina Banana) e gozar das Xornadas de Portas Abertas na escola.

Esta actividade levarase a cabo ata finais de mes. "Nelas poderedes probar gratuitamente e sen compromiso na actividade ou nas actividades que queirades e pasar un bo rato con nós", explica a entidade.

Así mesmo, resalta que os interesados pode consultar na web e nas súas redes sociais (@peisdhos) "os horarios e a amplia variedade de actividades que ofertamos na nosa Escola neste curso 2021-2022: acordeón, baile tradicional, cantos de taberna, costura tradicional, danza contemporánea, danzas do mundo, gaita, guitarra, linguaxe musical, harmonía, música e movemento, música e ritmo para bebés, pandeireta e canto tradicional, percusión tradicional e tango".

Neste sentido, por cuestións de organización e para evitar calquera tipo de aglomeración, recomendan contactar no teléfono 670 706 147 antes de asistir ás Xornadas de Portas Abertas. Para calquera dúbida, ademais de contactar por teléfono tamén o poden facer no correo [email protected] .

Comentarios