Homenaxe aos comercios que pasan de pais a fillos en Marín

O Concello enxalza a Comercial Sarles e Pajarería Evaris polo Día do Pai
A concelleira de Comercio, Cristina Acuña, na visita realizada a Comercial Sarles. DP
photo_camera A concelleira de Comercio, Cristina Acuña, na visita realizada a Comercial Sarles. DP

O Concello de Marín quixo premiar a vocación emprendedora dos seus veciños unindo esta faceta da súa poboación a unha data significativa e con moita aceptación como é a do Día do Pai.

Así, o Goberno local destacará na xornada deste martes o papel dos pequenos negocios do tecido urbano, e entre eles, os negocios que pasan de pais a fillos ou fillas, que considera "un exemplo de prosperidade, cariño e profesionalidade no comercio local". Para facelo deseñouse a campaña Polo Día do Pai, amor e comercio local, lanzada polo concello a través de Marín en Rede, na que se quixo homenaxear a dous establecementos da vila nos que se deu esa cesión do testigo entre unha xeración e a seguinte. Os comercios escollidos foron Comercial Sarles e Pajarería Evaris, que o Concello destaca por ser "un exemplo do relevo xeracional e familiar".

O Concello destaca a importancia para a propia localidade de poder contar con comercios rexentados por persoas oriundas da localidade, e de que estas, neste caso, estes pais, exerceran de mestres dos seus fillos e fillas para poder manter estes establecementos abertos e ofrecendo un servizo.

En canto aos dous establecementos: Comercial Sarles é un comercio adicado á venda de materiais de construción, baños, azulexos, pavimentos e louza sanitaria pertencente a Elisardo Rosales, quen leva 50 anos ao cargo da tenda. Despois de tanto tempo á fronte e atendendo da mellor das maneiras aos marinenses e visitantes que consumían no seu establecemento, Elisardo deu un paso a un lado e legou o seu proxecto profesional á súa filla, Victoria, á que a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, lle entregou a imaxe da campaña de recordo.

No caso da Pajarería Evaris, Jose Manuel, pai, conseguiu que Jose Manuel, fillo, se sumase ao seu establecemento, que leva máis de 40 anos activo. Evaris sitúase en Secundino Lorenzo, 29, xunto á Praza de Abastos, e é un establecemento especializado no coidado e alimentación de mascotas, con todo tipo de produtos para este fin.

Comentarios