Sergio Balchada, historiador e investigador

"Houbo 40 anos de ditadura nos que se silenciaron moitas cousas e esa xente non estivo recoñecida"

A Deputación de Pontevedra, da man da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, presenta hoxe ás 19.00 horas na Biblioteca de Marín o libro 'Galegos no exército de Euzkado 1936-1937' do autor Sergio Balchada 'Saxta', no que recolle a presenza de milicianos galegos no 'Euskadiko Gudarostea'
Balchada co seu libro. CEDIDA
photo_camera Balchada co seu libro. CEDIDA

Como de importante foi a presenza de milicianos galegos, daquelas oriúndos, no Euskadiko Gudarostea?
Se comparamos o número de combatentes que tivo o exército de Euskadi, a cifra de galegos é realmente pequena, pero dentro desa porcentaxe si que foi bastante imporante, sobre todo nalgúns batallóns. En todos houbo presenza de galegos, non nacionalistas sobre todo. No meu libro sigo a viaxe do Bakunin e do Celta, ambos da CNT. Este último foi formado por galegos, na súa maioría anarquistas. Practicamente o 90-95% eran naturais de Galicia. Tamén existiu a Mariña Auxiliar de Euskadi, que era un corpo composto por bous de pesca con tripulación galega.

Cantos galegos loitaron durante eses anos?
O libro ten unha apéndice ao final onde se recollen preto de 1.000 combatentes galegos. Hai moitos máis que ou ben non atopei ou non puiden certificar ao 100% que fosen de orixe galego. Si que é certo que unha vez que o libro xa estaba en maquetación e listo para saír, atopei máis nomes que non se puideron incluír. De Marín teño certificados arredor de 100. Moitos deles eran veciños de Trintxerpe, onde había unha colonia moi importante de traballadores do mar e mariñeiros galegos das rías. A economía de Marín está no mar e cara alí marcharon moitos marinenses para buscarse a vida.

Como comezou a súa investigación?
Comezou un pouco por casualidade no 2010. Eu teño formación en Historia pola Universidade de Santiago, aínda que o meu ámbito de estudo non era a Guerra Civil, pero chamábame a atención. Lendo un libro había unha mención ao batallón Celta, pero só unha frase, porque non había nada investigado a fondo. Comecei a pescudar e a revolver e ao final foron aparecendo o resto de batallóns. Todo foi facéndose máis grande.

A historia é unha disciplina que hai que estudar e investigar para sacar á luz o que pasou. Iso non se pode cambiar

Co libro xa publicado, en que punto se atopa o seu estudo?
Realmente aínda que está rematado, nunca se remata. Unha vez está o libro feito, aparece máis información e sei que o seguirá facendo máis adiante. Por iso, tómome este libro como un camiño que se abre para que outro máis adiante poida completalo ou corrixilo. As investigacións históricas nunca se pechan realmente, sempre tes que deixar a porta un pouco entreaberta polo que poida pasar.

Cre que se están facendo o traballo suficiente pola recuperación da Memoria Histórica?
Penso que si. Dende hai uns anos estase traballando moito. O tema da Guerra Civil non ten moi boa prensa, porque enseguida escoitas que estás a remover vellas feridas, pero penso que non é así. A historia é unha disciplina que hai que estudar e investigar para sacar á luz o que pasou. Iso non se pode cambiar. Penso que se está a traballar moito dende as asociacións e tamén por parte dos historiadores e investigadores que están a sacar a luz estes feitos. Deberíase seguir a traballar a reo non só para recuperar temas de represión, senón tamén sobre combatentes que se deixaron o sangue por unhas ideas ou defender unha democracia ou un sistema de país máis libre do que veu logo.

Está ideoloxizada este labor? 
A historia pasou e hai que vela de forma obxectiva e científica, sen ningún tipo de desquite. Simplemente que se coñeza o que pasou, porque houbo 40 anos de ditadura no que se silenciaron moitas cousas e nos que esta xente non estivo recoñecida. En cambio os combatentes nacionais si que os estiveron e foron premiados fronte aos republicanos, que en ningún caso tiveron ese recoñecemento. Moitos continúan perdidos en calquera monte ou calquera trincheira. Esa xente merece consideración e que se saiban por que están alí, porque combateron ou que os levou a empuñar un fusil nun momento dado.

Aquí entra en xogo o papel dos investigadores...
A investigación é complicada. Como di un amigo meu "la historia no da de comer, pero da muchas satisfacciones" e é certo. É complicado investigar porque moitas veces tes que buscarte ti a vida e un traballo que non estea vinculado a isto para poder pagar as facturas. Eu fíxeno no meu tempo libre porque me apaixona. Por iso agradezo tamén a Deputación que se interesou polo libro para editalo. Pero si que habería que axudar máis aos investigadores para sacar adiante estes proxectos e sacar á luz estas cousas. É o pasado común de todos.

Comentarios