O IES Johán Carballeira de Bueu aposta polos océanos

O centro educativo de Bueu organizará en abril un festival solidario artístico que está enmarcado no proxecto Oceans of Culture, Culture of Oceans (OCCO) e ten por obxectivo apadriñar unha balea
Alumnado de 1º de Bacharelato, parte da organización do festival Art for Change. CEDIDA
photo_camera Alumnado de 1º de Bacharelato, parte da organización do festival Art for Change. CEDIDA

Bueu será escenario o próximo 30 de abril do Festival Solidario Artístico Art For Change, que promove o IES Johán Carballeira no marco do proxecto eTwinning Oceans of Culture, Culture Of Oceans (OCCO). Dentro desta iniciativa, o centro realiza actividades multidisciplinares que axudan a reflexionar sobre como o contacto directo co mar enriquece e transforma a vida das vilas mariñeiras. O proxecto OCCO desenvólvese dentro do Programa Erasmus e participan tamén centros educativos de Lituania, Estonia, Irlanda, Turquía, Portugal e Francia, o que permite afondar nas diferenzas e semellanzas da cultura e as tradicións arredor do mar. 

Os obxectivos principais do Oceans of Culture, Culture Of Oceans, é fortalecer a conciencia ecolóxica do alumnado e o respecto polas distintas manifestacións da cultura, así como poñer en valor o papel fundamental da muller no ámbito mariñeiro e a sabiduría popular dos maiores. 

A raíz deste proxecto nace o Art For Change, que ten por obxectivo achegalo a diversos puntos do municipio con varias liñas de actuación. Así, preténdese que a arte e a ciencia estean nas rúas, fomentando a creatividade do alumnado, e tamén visibilizar o papel das mulleres na arte e na ciencia. 

A parte solidaria do evento centrarase por unha parte en apadriñar unha balea. Segundo explican dende o centro, "isto significa moito máis que poñer un nome, o apadriñamento é unha forma simbólica de colaborar cos proxectos de investigación e formación que contribúen á ampliación do coñecemento sobre a conservación da biodiversidade mariña".

A recadación será doada ao BDRI do Grove e a ONG 'Pallasos sen fronteiras' 

O beneficio obtido durante o festival repartirase da seguinte maneira: 300 euros serán doados ao BDRI, un centro de investigación do medio mariño ubicado en O Grove, dedicado ao estudo e á conservación da biodiversidade mariña. O resto da recadación farano chegar a ‘Pallasos sen fronteiras’, ONG que apoia emocionalmente á poboación afectada por conflitos armados ou catástrofes naturais. 

Art For Change ten tamén como finalidade apoiar entidades culturais e artísticas que queiran desenvolver proxectos que impliquen a participación de colectivos en situación de vulnerabilidade ou persoas dunha mesma contorna, co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través do arte e da cultura. 

Dende o IES Johán Carballeira convidarase aos centros do municipio e posiblemente a outros das outras comarcas para que poidan unirse á iniciativa. As opcións para poder facelo son variadas, e van dende actuacións musicais, representacións teatrais, postos de arte ou de ciencia e obradoiros de danza, de música e de gastronomía mariñeira. 

Comentarios