jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

O IES Mestre Landín volve apostar polo plan onde os alumnos se titorizan

Na xornada do mércores, titores e nenos xuntaron esforzos para debuxar un emoticono nun globo. C.M.
Na xornada do mércores, titores e nenos xuntaron esforzos para debuxar un emoticono nun globo. C.M.

O centro marinense leva a cabo dende hai varios anos un programa de convivencia escolar

Mariña Villaverde ten 14 anos e converteuse na titora de Sofía, Ángela e Youssef dentro do programa Titorías entre Iguais, TEI, que leva a cabo dende hai uns anos o IES Mestre Landín. O acto central do plan deste ano tivo lugar este mércores e contou coa presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo; o director do centro, Héber Jaime García; o inspector da zona, Román Latas, e os dirixentes dos CEIP O Carballal e A Laxe, Yerai González e Francisco J. Suárez, respectivamente. O motivo da presenza destes últimos é que os centros están adscritos ao Mestre Landín e moitos dos participantes no TEI foron alumnos deses colexios.

"Os titores, como persoas que xa temos máis experiencia no centro, axudámoslles a que teñan máis facilidade á hora de familiarizarse co instituto, coas suás actividades e co seu funcionamento. A nosa función é facerlles a estancia máis doada", explica Mariña.

Un dos cambios cos que deben lidar é co salto do colexio ao instituto, pero a rapaza asegura que no Mestre Landín é doado. "Como somos poucos alumnos, o ambiente é moi familiar e a adaptación é fácil. As diferenzas son que hai máis materias e profesores. Tamén te atopas con compañeiros moito maiores ca ti", remarca.

Ademais de familiar, a titora confesa que o centro "é divertido" por crear alternativas como a TEI. "Hai algúns nos que xa non fan festas, pero nós temos de fin de curso, de Entroido e de fin de ano".

Sofía e Ángela teñen 12 anos, mentres que Youssef xa ten 13. Ángela cre que este programa benefícialles porque "ante calquera dúbida que teñamos, temos un compañeiro maior ca nós que nos pode axudar". Mariña explica que lles pode tender unha man "se queren que fale cos profesores ou podo recomendarlles algún método de estudo".

Os actuais titores foron os primeiros en participar neste programa, cando acababan de chegar ao instituto. "Lembro que o primeiro día tamén fixemos unha actividade cooperativa e logo no Entroido tivemos que facer unha representación cómica por grupos e o máis divertido levou un premio", comenta Mariña. No seu ano, segundo conta, "tamén fixemos unha excursión á praia e a ver os petroglifos de Mogor".

O plan pretende que prevaleza a convivencia escolar entre o alumnado. Se hai que pensar no futuro, os tres titorados e a súa compañeira maior non o teñen moi claro. Aínda é cedo, pero Sofía cre que traballará nalgo relacionado cos animais "aínda que hai que estudar moito", mentres que Mariña, Ángela e Youssef serán profes. Elas de materias de letras, mentres que el prefire as Matemáticas ou a Bioloxía.

O IES Mestre Landín volve apostar polo plan onde os alumnos se...
Comentarios