Bota a andar a Residencia do FICBueu. A primeira edición deste novo programa, impulsado pola organización do festival bueués para formar a mozos no sector audiovisual, arrancou este luns coa chegada dos catro cineastas seleccionados á Illa de Ons. Alí permanecerán instalados ata o próximo domingo baixo a tutoría da guionista Isabel Peña, gañadora de dous e autora de obras como As Bestas.
Aínda non eran as 10.30 horas e as coruñesas Alicia Úbeda e Ángela Andrada, o barcelonés Jordi Sanz e o tinerfeño Pablo Vilas xa se atopaban no Porto de Bueu. As súas caras, unha mestura entre ilusión e nervios, reflexaban as gañas de afrontar esta nova experiencia. Chegaron acompañados da súa tutora, á que coñeceron na noite do domingo nunha cea de presentación. Tampouco eles se coñecían, pero todos se mostraron cómplices porque sabían que, durante unha semana, serán compañeiros de aventura.
Durante todo o traxecto o Ons, no cal o barco trasladaba tan só a unha decena de pasaxeiros, os catro cineastas non deixaron de compartir impresións entre eles, con Peña e cos membros do equipo do FICBueu. Á súa chegada, recibiunos unha tranquila illa moi distinta á que se pode ver na tempada estival e, tras deixar as súas equipaxes, os mozos dirixíronse á pensión que os acollerá ata o próximo domingo.
O Centro de Interpretación de Ons será o lugar de operacións.Os catro participantes asistirán a titorías personalizadas con Peña e outros profesionais do sector para afondar na proposta que presentaron ao programa. Todas elas son proxectos de curtametraxes, un formato que, tal e como apuntou un dos organizadores do FICBueu, Manuel Pena, "sempre buscamos fomentar". "Esperemos que estes proxectos poidan mellorar ao longo desta semana, que saian adiante e acabemos tendo as súas películas nas pantallas", explicou. Ao remate da residencia, un dos proxectos será producido da man de Nortecatro Cinema.
En canto a Isabel Peña, "responsabilidad y curiosidad" foron os sentimentos predominantes este luns. "Tengo una expectativa muy alta de lo que puede suceder aquí. No sé cómo voy a poder yo ayudarles, no es fácil; siento mucha responsabilidad porque sé que, con solo siete días, cada sesión tiene que ser muy valiosa", trasladou.
A guionista foi, ademais, unha das encargadas de seleccionar aos catro finalistas –presentáronse máis de 120 propostas–. En Úbeda, Andrada, Sanz e Vilas viu "un gran amor por esas historias, pero también una posibilidad de ir más allá del papel. Espero que este sitio permita que esas historias buceen por sitios nuevos".
A primeira mañán da residencia finalizou cun percorrido pola illa. Así deu o FICBueu o pistoletazo de saída á súa gran aposta deste ano, na que Manuel Pena ten todas as súas esperanzas e que, sobre todo, agarda "que non quede nunha única edición".