A importancia do amor polo propio

A localidade marinense conta cunha gran variedade de asociacións folclóricas que permiten que o interese pola danza e a música tradicional galega non se apague. Tras facer fronte ás dificultades da pandemia, as escolas e agrupacións retomaron a súa actividade dende cero, cunha acollida marcada polo efecto Tanxugueiras
Membros da asociación Pousos de Area nunha actuación na Alameda Rosalía de Castro. DP
photo_camera Membros da asociación Pousos de Area nunha actuación na Alameda Rosalía de Castro. DP

A tradición o folclore galego e o orgullo polo propio continúan moi vivos en Marín. Grazas á labor das agrupacións e escolas culturais que forman parte do tecido social da vila, a paixón polo baile e a música tradicionais seguen pasando dunhas xeracións a outras a pesar de que nos últimos tempos o interese por estas prácticas, sobre todo entre a xuventude, viuse mermado.

A pandemia de covid-19 dificultouno todo, tanto para as reunións entre integrantes como para as actuacións, desprovistas de público. Superado este capítulo, as agrupacións deron comezo a un novo curso marcado, para a súa sorpresa, polo poderoso "fenómeno Tanxugueiras".

Dende a agrupación Fentos e Frouma tomáronse o arranque deste curso como "un reinicio dende cero", tal e como conta a súa presidenta, Flora Iglesias. Este comezo, caracterizado como "moi positivo", estivo fortemente marcado polo "boom" provocado polas Tanxugueiras, o xa famoso trío de cantareiras que no último ano conseguiu poñer o foco na música tradicional galega e levala máis alá das fronteiras da comunidade autónoma.

Aínda que este fenómeno resulta beneficioso de cara a un aumento na participación das actividades do conxunto, Flora Iglesias manifesta unha visión crítica respecto a isto: "É moi penoso que comecemos a valorar a nosa cultura cando triunfa fóra, parece que nolo tiveron que dicir para que, por fin, valoremos o propio".

O presidente de Pousos de Area, José Iglesias, tamén asegura que este fenómeno provocou "un gran aumento da demanda que foi máis visible aínda na xente nova". Iglesias admite que, hai un ano, o folclore era maioritariamente obxecto de interese "para as persoas de idade avanzada, por nostalxia, e para aquela xuventude especialmente interesada neste ámbito". Non obstante, na actualidade conseguiu xeralizarse a todas as idades, aínda que José Iglesias comparte unha visión pesimista e sospeita que esta boa racha podería tratarse de "unha moda pasaxeira".

Na agrupación Trompos os pés este efecto das famosas cantareiras tamén tivo unha gran relevancia na demanda das clases dende o inicio do curso. Segundo conta o director de baile deste conxunto, Carlos Lago, "notouse sobre todo nas clases de pandeireta e nos máis pequenos".

Pero das luces tamén xurden as sombras, que afectan a uns poucos. O presidente de Airiños de San Xulián, José Manuel Riqueza, asegura que, tras pasar a pandemia, este aumento do interese polo folclore "non se notou". Para eles, a recuperación despois das restricións sanitarias aínda non chegou: "Co virus todo se paralizou, a asociación viuse mermada e aínda agora estanos custando levantar cabeza".

Esta falta de influencia por parte das Tanxugueiras repítese na asociación Os Chaneiros. A secretaria da entidade, Chelo Soto-Quiroga, considera que, aínda que a eles as consecuencias negativas da covid-19 tampouco lle afectaron, "podería tratarse dunha cuestión de localización", xa que, tanto Airiños como Chaneiros desenvolven a súa actividade en parroquias –San Xulián e Mogor, respectivamente–, cunha distancia do centro urbano que pode supoñer a dificultade da chegada do "fenómeno Tanxugueiras".

Investigación

Aínda que a esencia deste tipo de asociacións se fundamenta na música, esta parte non é a única que este tipo de agrupacións busca preservar. Máis alá de ensinar a tocar os instrumentos e os pasos das danzas tradicionais, dar a coñecer a historia e os costumes que rodean ao folclore trátase doutra das estratexias utilizadas para facer que os seus integrantes conecten coa cultura, fortemente marcada pola tradición.

A documentación sobre o pasado cultural é, para Trompos os pés, tal e como conta Carlos Lago, "fundamental, cremos que é moi importante atender a todos os elementos, non só aos musicais, para entender o contexto, que as actuacións teñan coherencia e sexan fieis á historia". Ademais, este asegura que "dar a coñecer datos e curiosidades sobre a nosa cultura xenera interese", o que se utiliza como "unha forma de enganchar aos máis pequenos, para que queiran saber máis".

Na asociación Pousos de Area mesturar a formación teórica coa práctica tamén forma parte da súa esencia. Tal e como explica o presidente, José Iglesias, dende a entidade promóvense estudos de campo e análise de arquivos históricos "para analizar todas as patas da etnografía", motivo polo que a súa oferta de clases inclúe cursos de monográficos que abordan diferentes temáticas do folclore galego.

Outro dos aspectos que conforman a esencia de Pousos de Area é a importancia que os seus integrantes confiren á vestimenta tradicional. Dende a reprodución da mesma a partir do aprendido nas clases de corte e confección que se celebran na asociación, ata a recuperación de pezas históricas, chegando incluso a organizar unha pasarela de traxes típicos de Galicia.

Veteranos

Os integrantes do grupo Picuiña e de Os de Marín, ambos conxuntos compostos por veteranos do folclore, advirten que, en comparación a cando eles iniciaron a súa actividade, o interese pola tradición e a cultura galega decaeu. O presidente de Picuiña, José Francisco Gil Dopazo, destaca que, cando actúan, "nótase un perfil maioritario de xente de idade avanzada, o que evidencia a necesidade de traballar nesa faceta, chegar á xuventude".

Aínda que o presidente de Os de Marín, Luis Camiña, considera que "en Marín hai moita vida de cultura galega e moitos grupos que contan con rapacería", este, que leva dende os anos 60 no sector, admite que "falta visibilidade; hai arraigo, pero non se reflicte nas rúas, e non debemos ter reparo de mostrar que somos galegos".

As cifras medias de asistencia ás clases
En canto aos datos de participación nas diferentes actividades que levan a cabo as agrupacións culturais de Marín, cabe destacar que a maior parte das clases que se imparten contan cunha participación que se sitúa entre as 20 e as 25 persoas.

Este é o caso de Airiños de San Xulián, Pousos de Area e Os Chaneiros. Dende Fentos e Frouma, pola súa parte, trasládase que as súas formacións adoitan superar, de media, as 30 persoas na asistencia, que, engaden, "é maioritariamente feminina".

Trompos os pés sitúase como a agrupación máis numerosa con máis de 40 integrantes. Non obstante, o director de baile da mesma, Carlos Lago, asegura que "a participación depende moito da época, hai moitos altos e baixos".

Comentarios