O incombustible Maio de Landeiras

Máis de trinta anos leva a figura saíndo nesta festa popular. Máis de 22 cativos e outros adultos traballan nel baixo a dirección da veciña Rosalía Santiago

As festas populares son o patrimonio inmaterial que as sociedades van coidando, como ovos de ouro, de xeración en xeración. Algunhas acaban por desaparecer, por falta de soldados que as defendan do olvido ou da perda de significado. Por sorte, moitas outas contan con exércitos ben nutridos que permiten que a súa permanencia sexa unha realidade.

Os Maios en Marín viviron épocas mellores. Así o constatan o Ateneo Santa Cecilia, entidade organizadora do concurso desde os tempos de Manuel Torres, e o propio Concello. De aí que a programación deste ano sexa máis extensa ca nunca. A idea é mostrarlle aos veciños a riqueza e o esforzo que hai tras cada unha desas figuras cónicas, engalanadas ata a coroa, que saen o 1 de maio a desfilar polo centro da vila.

Así, os marinenses poderán descubrir a historia de Rosalía Santiago, a muller que hai tras a creación do maio máis antigo da localidade, o de Landeiras, que leva máis de 30 anos saíndo puntualmente na primavera. "Eu empecei coma todos. Os meus rapaces quería ir ao maio con outros grupos de rapaciños de Mogor. O que pasa é que non tiñan quen os representara, así que decidín facelo eu. Foi aí cando tivemos que buscarlle un nome ao maio, que finalmente quedou co de Landeiras, que é como se lle chama ao lugar onde vivimos", explica.

Nestes momentos, ten a 22 meniños embarcados na aventura de crear o maio e a outras tantas persoas maiores. Incluso unha pequena de apenas ano e medio de idade que xa empeza a mamar da tradición desta festa, colocando algunha que outra flor. Todos eles levan tres semanas taballando na estructura do maio e da coroa, que fan con bimbio e cun pequeno alambre. A parte máis ornamental lévase a cabo a noite anterior ao día 1. "Imos pinchando con alfileres flor por flor, incluso pétalo por pétalo", afirma Rosalía, que durante todo o ano está pendente da floración das plantas das casas da parroquia. "A véspera, collemos varios coches e repartímonos pola tarde para ir recoller as flores que a xente me vai gardando". Todo un traballo colectivo para engalanar ao maio de Landeiras.

Xunto a el, estaba o coñecido como o da Bruxa, impulsado pola propietaria do antigo restaurante O Merendeiro, unha institución no Marín de fai varias décadas, e que, a diferenza do resto, en vez dunha coroa, levaba unha xesta e un capuchón de bruxa no alto, unha particularidade que foi a que lle deu o nome e a fama. Así a todo, despois de levar máis de trinta anos saíndo, deixouno de facer fai agora dous, cedéndolle o premio de maio máis lonxevo ao que fai Rosalía e o seu exército de "máquinas", como ela dí cariñosamente para referirse a os que fan posible a creación da figura. 

Comentarios