Iníciase a redacción dos pregos para a restauración do lavadoiro de Mogor

A superficie sobre a que se intervirá na actuación é de máis de 500 metros cadrados
undefined
photo_camera A fonte e o lavadoiro de Mogor que serán obxecto de restauración. DP

O Concello marinense continúa apostando pola protección e a posta en valor dos elementos patrimoniais, fundamental para coñecer a historia de calquera vila. Dous deses elementos, a fonte e o lavadoiro de Mogor, serán obxecto dunha actuación que persegue precisamente eses obxectivos.

Trátase de elementos etnográficos catalogados, que a día de hoxe seguen sendo moi utilizados pola veciñanza da zona e doutros lugares, tanto para recoller auga da fonte como incluso para utilizar o lavadoiro para lavar.

A día de hoxe, tanto o propio lavadoiro como a contorna están en condicións de mellora, para poder poñer aínda máis en valor este espazo e os seus elementos, referentes da parroquia de Mogor.

Por iso, o Concello xa ten en marcha a redacción dos pregos para iniciar a licitación da restauración do lavadoiro e da fonte e de acondicionamento do entorno. A superficie sobre a que se intervirá é de máis de 500 metros cadrados e a inversión prevista é de 115.215,8 euros, que se realizará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O obxectivo da actuación é desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario. Sobre ese espazo único, volvería colocarse o lavadoiro, e renovaríase toda a cuberta. "En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética", explican fontes do Goberno local.

No que respecta ao terreo anexo, recuperarase o camiño peonil para que poida servir de fondo ao lavadoiro e á fonte. Tamén se instalará unha iluminación adaptada e que poida poñer en valor os elementos, destacándoos e dándolles visibilidade e colocarase mobiliario urbano acorde co lugar.

FONTES DE MARÍN. A fonte de Mogor é unha das 70 que o Concello de Marín ten catalogadas a través dunha web propia, co obxectivo de preservar a riqueza toponímica da localidade, así como o patrimonio hidráulico e sociológico que representan. A páxina (www.fontesdemarin.com) recolle cada unha delas, cunha foto que as identifica e unha breve descripción, así como a súa ubicación.

Trátase dunha iniciativa municipal que se puxo en marcha no ano 2020 coa catalogación e creación dunha web para os lavadoiros -no que se recolle tamén o de Mogor-, que o ano pasado ampliouse ás fontes cunha subvención tamén da Deputación de Pontevedra.

Con respecto aos lavadoiros, cabe recordar que o Goberno local puxo paralelamente en marcha a principio do 2020 un proxecto de sinalización de cada un dos máis de 60 elementos que aínda existen na localidade e que, nalgún lugares, continúan utilizándose.

Comentarios