Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Xabier Alonso: "A Lei de Espectáculos non regula nada novo, só é unha chamada de atención"

Está convencido de que a nova Lei de Espectáculos de Galicia será unha boa nova para o sector cultural e de que a súa aplicación mellorará a seguridade do público que asiste aos eventos que fan vibrar á comunidade durante todo o ano. Sobre lexislación e cultura falará Alonso hoxe ás 21.00 horas na Domínguez Búa de Bueu no marco da Semana da Música

Xabier Alonso, avogado e xerente de Festivais de GaliciaParte do sector teme a chegada do 2 de xullo pola entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos de Galicia, mais vostede non cre que o panorama vaia ser negro.

É que esa é unha das grandes falacias que se está a publicar en moitos medios diferentes a propósito da Lei de Espectáculos. Esta normativa era necesaria, é un instrumento que xa tiñan outras comunidades autónomas e serve para poñer orde fundamentalmente nos procedementos administrativos. Agora, prácticamente nada do que regula a lei é novo, xa que xa estaba recollido noutras lexislacións. Existía a Lei de Emprendemento de Galicia dende decembro de 2013 e moitísima da normativa que é de aplicación xa o era anteriormente. O que fai a lei é unha chamada de atención. A novidade máis importante que introduce é a do procedemento sancionador, que antes non había. Entón, moi posiblemente, a Xunta ou os concellos, cada un dentro das súas competencias, poñeranse a sancionar. Pero bueno, xa había multas ata o momento. Agora o que pasa é que algún decátase de que está fóra de xogo.

Pero moitos hosteleiros afirman que as esixencias que impón a lei son case imposibles de cumprir.

Falso. Non son tan difíciles de levar a cabo. De feito, hai moitos espectáculos que as teñen, pero é que ademais a norma non está pensando prioritariamente nos espectáculos, senón na xente, no público. As condicións estaban aí para ser cumpridas. Outra cousa é que ninguén as cumprira, que ninguén se preocupase de facelas cumprir. Ti deixarías que o teu neno subira a un autobús todos os días que fora conducido por un borracho, vello, que non pasara as ITV e cas rodas desgastadas? Non, verdade? Pois isto é exactamente igual. O que pasa é que, por unha serie de razóns históricas, permitiuse durante moito tempo que os espectáculos que potencialmente son moi perigosos os fixera calquera. 

E que ocorre cos locais pequenos e os espectáculos de menor tamaño?

Nos locais máis pequenos pasa exactamente o mesmo. Teñen que sacar unha licenza permanente, pero iso supón un investimento moi forte en insonorización e en adaptación do establecemento. Se o fan, poderán seguir facendo o mesmo que outros locais que si teñen a licenza e gastaron os cartos en conseguila. E logo hai outra cuestión. Pódese facer un concerto nun garaxe? Non habitualmente, pero un día pódese facer, pedindo a autorización correspondente e preparando o espazo para ese concerto. Esta pode ser unha solución para aqueles locais que fagan concertos esporadicamente.

Mais hai algúns establecementos que tradicionalmente acolleron música en vivo que, aínda que estiveran dispostos a facer ese investimento, non poden adaptar a súa infraestrutura.

Por suposto, pero foi unha actividade que non deberon ter nunca. É que non teñen ningún dereito adquirido, nunca se lles debeu permitir facela. Non hai ningún tipo de expropiación lexislativa. Non é un problema da Lei de Espectáculos, senón da aplicación das leis urbanísticas e das ordenanzas de licenzas de cada municipio, que están aprobadas hai décadas e que non se fixeron cumprir. Agora o que sucede é que, como novidade, a Xunta pode pasar por riba dos concellos, aínda que son os que teñen as competencias neste eido. Pero é que non cumprir as ordenanzas por parte dun concello ao mellor é un delito de prevaricación. É dicir, os locais que pudieron facer as cousas desa maneira é porque hai unha actitude prevaricadora de carácter previo. Por iso o sector profesional está contentísimo ca lei.

Outro gremio que arremete contra ela é o dos músicos, que ven peligrar as súas actuacións.

Os músicos están despistadísimos, porque a precarización que sofren no seu traballo vén, en gran medida, por isto, aínda que non só, porque tamén hai unhas eivas na xestión pública cultural que provocan esta situación. E non é verdade que sexa a única forma que teñen de darse a coñecer ao público, hai moitas alternativas, e unha delas é organizarse en colectivos que sexan capaces de dialogar con outros.

Non faría falta unha reunión a tres bandas entre as administracións, os empresarios musicais e os artistas para tratar de chegar a acordos na lei?

O diálogo sempre é importante e máis ou menos prodúcese. É verdade que a lei ten algunhas eivas, para min sobre todo de carácter técnico, pero todo o mundo puido facer alegacións. Certo é que se acolleron moi poucas, porque hai cousas que a lei non pode tocar, como a que ten que ver ca normativa laboral, que é competencia exclusiva do Estado. O que hai é que cambiar en toda España a forma de planificar a xestión cultural pública, que está orientada a encher de contido as festas de toda a vida, a programación cultural dos propios concellos, e a gastar diñeiro en espazos moitas veces inútiles ou altamente deficitarios, como a Cidade da Cultura, que, á súa vez hai que encher de contido. Isto ocorre porque se entende a programación cultural como un espazo de comunicación política. É así de triste e lamentable. Onde hai que investir é na formación e promoción dos novos artistas. Dálles un estatuto que faga atractivo formarse profesionalmente. O que hai que facer é retirar o diñeiro público da programación e metelo na formación, na creación, no cultivo de novos talentos.

E iso non poñería en perigo algúns eventos que, sen apoio público, dificilmente se poderían levar a cabo? Sería posible facer un festival das características do Son do Camiño sen inversión pública?

Iso é falso, só hai que mirar arredor, a Reino Unido ou a Suecia. No caso que apuntas do Son do Camiño, non se podería facer, claro. Aí hai unha subvención encuberta. Pero é que o Son do Camiño non é cultura, senón que é un producto cultural. É dicir, cultura é todo aquilo que pasa ao acervo dos pobos. Cultura é Rosalía de Castro. Maná será cultura, quizáis, dentro de trinta ou cen anos, pero non hoxe. Son productos culturais porque aínda non pasaron o filtro da aceptación das diferentes xeracións. O que sucede é que hai moitísimas eivas que están resoltas noutros países e non aquí, posiblemente pola tardía chegada á democracia e o espantoso ermo cultural que supuxo a ditadura, e por como evolucionaron as políticas da democracia. Aquí cada un quixo construir o museo máis grande ou o teatro máis grande ou ter aos artistas máis famosos ou máis de moda nas súas festas e é aí onde se mete todo o diñeiro da cultura.

Pontevedra desvelou onte que está traballando nun proxecto piloto para garantir a súa programación cultural, que, di, podería verse freada pola lei. Como o valora?

E que iso non vai pasar. É falso, é unha cuestión de como se ordean os recursos. Se os bares queren seguir facendo os concertos no seu local, que cumpran o que a lei lles esixe para facelos. Que iso custa diñeiro? Claro. No Concello de Pontevedra terán que facer unha reordenación de recursos e se o fan ben non perderán nada de programación cultural. Que terán que recortar algunha cousa para metela noutra? Pode ser, pero recordemos que a Lei de Espectáculos está pensada para protexer a vida das persoas.

Que lle parece a iniciativa da Semana da Música de Bueu? É importante falar máis sobre xestión cultural?

A iniciativa é moi boa, pero semella escasa na medida en que deberían facerse máis. Como país, temos que entender que o futuro económico está nos bens inmateriais. Débese tomar conciencia na sociedade, porque así converterémonos nun país máis sostible, avanzado e capaz de enfrontarse aos retos futuros.

Xabier Alonso: "A Lei de Espectáculos non regula nada novo, só é...
Comentarios