A longametraxe de Tolentino abre este venres o FICBueu 2021

Durante o acto de inauguración estrearanse as obras realizadas nos obradoiros cinematográficos
Público en una proyección de FicBueu, en una edición anterior del festival
photo_camera Público en una proyección de FicBueu, en una edición anterior del festival. DP

O 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu arranca este venres cun grande acto de inauguración no que se estrearán as obras realizadas nos obradoiros cinematográficos impartidos ao longo do último curso. A música en directo e a longametraxe de apertura completan a xornada de arranque do FICBueu 2021, que se prolongará ata o día 19 no Centro Social do Mar.

A actuación ao aire libre do dúo de versións 'Two in the mirror' a partir das 19.15 horas creará o ambiente propicio para iniciar ás 20 horas o acto inaugural, no que intervirán as autoras e autores das dúas curtas que se van presentar. 'Cuartos de lúa' é unha obra de ficción con tinturas surrealistas elaborada no obradoiro da Asociación FIC Bueu para persoas adultas, mentres que as rapazas e rapaces crearon 'Unha curta de cine', documental que repasa a historia das salas de cinema da vila.

Xa ás 22.00 horas o recoñecido crítico cinematográfico Javier Tolentino presentará a súa primeira longametraxe: 'Un blues para Teherán'. A cinta narra a historia de Erfan, un mozo kurdo que canta, escribe poesía, vive cos seus pais e quere ser director de cine. As entradas para a proxección da película pódense adquirir as entradas na tenda da web. 

PROGRAMACIÓN. A programación do FICBueu 2021 intensificarase o sábado día 11 cunha variada axenda que arrincará ás 11.30 horas no Punto de Encontro coa palestra 'O cartel da película' a cargo do prestixioso estudio Barfutura, mentres que ás 12.30 horas Ataque Escampe protagonizará a primeira sesión vermú do festival. Trátase dun dos tres concertos que se ofrecerán dentro do ciclo 'Mergullade', co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.

Xa pola tarde, ás 18.00 realizarase ao vivo o programa radiofónico 'Carne Cruda', con entrevistas á directora Margarita Ledo e á model maker Sonia Iglesias, e máis a actuación de Tanxugueiras. Ás 20.00 horas proxectarase a primeira sesión da Sección Experimental, integrada por filmes que permiten vivir unha experiencia cinematográfica única, e ás 22 horas a Panorama, con algunhas das mellores curtas realizadas o pasado ano en todo o mundo.

Comentarios