A lonxa de Bueu vendeu máis de 3.000 quilos de polbo no primeiro día de campaña

O prezo medio ao que saíu a peza na subasta de onte foi de 9 euros, sendo o máximo 11 euros polos exemplares de máis de dous quilos
Bueu Comezo da campaña do polbo Fotos na lonxa das primeiras capturas (_G4A2474.JPG)
photo_camera Un mariñeiro con dous expemplares de polbo na lonxa de Bueu. GONZALO GARCÍA

A campaña extractiva do polbo, que comezou durante a madrugada do luns en Galicia, vai recuperando estabilidade. Aínda que haberá que esperar ata a fin de semana para facer unha verdadeira valoración do que será o período de captura, os datos do primeiro día falan dunha recuperación que xa foi visible durante a do ano pasado, que rematou en maio cun total de 133.000 quilos vendidos fronte aos 59.000 quilogramos da do 2020.

"Hai que ter en conta que houbo xente que non colleu a cota, xa que no primeiro día moitos mariñeiros se dedicaron a levar as nasas ao mar, pero a maioría si que a colleu"

Na primeira subasta da campaña, a lonxa de Bueu vendeu onte entre 3.000 e 4.000 quilos de polbo que rozou un prezo medio de nove euros, que non aumentou como o fixeron outras pesquerías. "Son precios bastante bos", indica o patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu, José Manuel Rosas. O precio medio coincide co que se pagou onte polos exemplares dun quilo e medio a dous quilos, mentres que os máis pequenos tiveron saída por sete euros (dun quilo a quilo e medio) e os de maior tamaño, os de máis de dous quilos, por algo máis de once euros.

"Hai que ter en conta que houbo xente que non colleu a cota, xa que no primeiro día moitos mariñeiros se dedicaron a levar as nasas ao mar, pero a maioría si que a colleu", explicou Rosas. Durante o primeiro día da campaña extractiva sairon á ría preto de medio centenar de embarcacións.

O patrón maior de Bueu considerou que "non é bo facer unha valoración o primeiro día, pero coido que vai a ser unha campaña que entrará dentro da normalidade

Segundo establece o plan acordado pola Consellería do Mar e o sector sobre a pesca do polbo, dende onte, 4 de xullo, -data na que rematou a veda- ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.

Con respecto ao transcurso da campaña, o patrón maior de Bueu considerou que "non é bo facer unha valoración o primeiro día, pero coido que vai a ser unha campaña que entrará dentro da normalidade. Hai que ver como se comporta esta semana".

Comentarios