O PREMIO Cinema Galego recoñece a traxectoria e a labor realizada na industria audiovisual galega das actrices e actores da terra. Este ano, o galardón recae en Luísa Merelas, tanto pola súa importante traxectoria no teatro e no cinema como polo seu compromiso coa cultura galega.
Que significa para vostede recibir o Premio Cinema Galego do FICBueu?
É unha sorte para min ter este recoñecemento por parte da profesión audiovisual de Galicia. Estou moi agradecida. Pero a verdade e que a min isto dos premios sempre me colle fóra de lugar, ponme incómoda. É un pouco contraditorio o que sinto. Obviamente gústame ter recoñecemento, pero o que non me gusta é expoñerme e iso que son actriz e estou afeita a estar sobre o escenario. Nesa situación estás facendo unha personaxe, pero cando recolles un premio estaste expoñendo ti mesma.
Cre que é necesario continuar apostando por eventos como é o FIC para poñer en valor o cinema galego?
Paréceme imprescindible. É a única maneira de facer visibles os traballos. Son moi importantes estes eventos. Que sentido tería se non? Os festivais son portas abertas ao mundo, non só dentro da comunidade galega, senón de Galicia para fóra. Tamén todo isto débese a existencia en Galicia de escolas oficiais de audiovisual e arte dramática. Sen isto, se cadra, estes festivais non serían posibles. Unha cousa leva a outra. Se hai escolas, hai formación e detrás diso hai un impulso para facer traballos e ter unha profesión, que é algo difícil. Ese camiño eu non o coñecín cando comecei nos anos 70. Aprendín do teatro independente a base de traballar. Eu funme a examinar co meu grupo de teatro (Teatro Circo) ao Institut del Teatre de Barcelona e alí adquirimos o título de interpretación, que logo a min persoalmente convalidáronmo por unha licenciatura en arte dramática.
Pódese dicir que a xente nova que se quere introducir no sector ten máis facilidades agora ca antes...
Si, claro, nós empezamos de cero. Cando eu comecei a traballar todo era por amor á arte, por amor a cultura, por amor ao idioma... Non existía en Galicia a profesionalización ata que chegaron os anos oitenta coa televisión autonómica. Todo era afeccionado ata ese momento ou independente, como lle chamábamos ao teatro antes.
Moitas productoras de fóra escollen Galicia para traballar polos seus decorados naturais e polas temáticas"
O actores e actrices da súa época deron o salto á pantalla grazas, precisamente, á TVG. Moitos, grazas a iso, triunfaron despois a nivel nacional, vostede incluida.
Por suposto que foi importante. Son portas e ventás que se abren e que o final dan traballo a moita xente: a técnicos, actores, directoras, directores... Abriu un abano moi grande de posibilidades. A televisión dalle un recoñemento aos actores e ás actrices que traspasa máis aló da fronteira galega.
Dende o comezo da súa carreira, o audiovisual evolucionou moito tanto a nivel de contidos como na forma de facelos chegar aos espectadores grazas ás plataformas streaming. Cre que esa evolución favoreceu ao cine galego?
Son ferramentas distintas, pero son todas válidas. Por exemplo, fai pouco participei nunha web serie dunhas rapazas que teñen unha productora que están comenzando e comentaronme que agora estaban á espera de que a TVG a emitise na súa web.
Un pouco de éxito está ben, pero o máis importante é traballar e poder pagar as facturas"
Cada vez son máis ás productoras nacionais e internacionais que se fixan en Galicia para os seus traballos.
Non hai fronteiras hoxe en día, non só no cinema galega. É certo que aquí hai canteira. Temos un pobo e un idioma e todo iso perténcenos a nós, pero iso non quere decir que se quede aquí; o de aquí traspasa. O exemplo está en As bestas, un traballo e unha temática na que as productoras se fixan moito. A parte dos decorados naturais que ten Galicia que escollen as productoras de fóra, hai moitas que escollen temáticas galegas para traballar aquí como o tráfico de drogas ou os asasinatos, todas basadas en feitos reais.
Traballou en títulos importantes para a cultura audiovisual tanto galega como nacional como Matalobos ou Fariña, e Os luns ao sol, Elisa e Marcela e As Bestas, entre outras. Próximamente estrease Hermana muerte en Netflix. Que significa para vostede formar parte do reparto de pezas de éxito?
Eu fago traballos pequenos en todas elas (risas), pero é certo que se me ve. Sempre digo que o importante é ter traballo, porque esta profesión é moi inestable. Un pouco de éxito está ben, pero o máis importante é traballar e poder pagar as facturas. Obviamente teño que agradecer o recoñecemento, pero o importante é traballoar, porque non sempre se fan cousas de éxito. Son tan importantes as pequenas como as grandes.