Os Maios e as Embarcacións volverán lucir na Alameda Rosalía de Castro de Marín

Tras ter lugar en formato online no 2020, este ano volta ás rúas da vila marinense
Concurso dos maios en Marín. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Concurso dos Maios en Marín en 2018. OLGA FERNÁNDEZ

Tras a súa celebración en formato online o pasado ano por mor do confinamento, o tradicional concurso de Maios e Embarcacións volverá celebrarse de xeito presencial na Alameda Rosalía de Castro de Marín. O Ateneo Santa Cecilia convocou esta semana, coa colaboración do Concello, a 58 edición do certame, dirixido a todos os centros escolares e asociacións de Marín e a súa bisbarra.

Como cada ano desde 1953, o Ateneo convoca este tradicional concurso para celebrar o primeiro día de maio. Dende o Ateneo propoñen este ano que os diversos grupos de participantes preparen os seus maios, embarcacións e coplas e leven a cabo a súa elaboración nos colexios e asociacións nos días previos ao 1 de maio de 2021.

Tanto os maios como as embarcacións deberán ser trasladadas a Alameda de Marín o propio día antes das 12.00 horas para que toda a xente poida admirar os traballos realizados. Ademais, todos os grupos participantes que o desexen, poden realizar un maio en miniatura, que non exceda de un metro de altura (coroa incluída) co obxectivo de participar nunha exposición no Museo Municipal Manuel Torres, onde quedarían expostos durante oito días.

Os grupos que desexen tomar parte neste concurso deberán facer a súa inscrición antes das 20.00 horas do día 27 de abril. Para elo, deberán facelo no correo electrónico do Ateneo [email protected].

Comentarios