Os Maios de Marín, da mán das novas tecnoloxías

O Ateneo leva organizando este evento desde o ano 1953
Un momento da celebración dos Maios e Embarcacións en Marín en anteriores edicións. OLGA FERNÁNDEZ (ADP)
photo_camera Un momento da celebración dos Maios e Embarcacións en Marín en anteriores edicións. OLGA FERNÁNDEZ (ADP)

"Aí vén o maio de frores cuberto...", como diría a canción de Luis Emilio Batallán, e con el, a tradicional celebración dos concursos dos Maios que ocupa o centro das miradas de centos de rincóns de Galicia. Un deles é Marín, que desde o ano 1953 a Asociación Cultural, a día de hoxe Ateneo Santa Cecilia, organiza de maneira continuada na vila marinense.

Aínda que para o primeiro de maio aínda quedan un par de semanas, a organización do Concurso de Maios e Embarcacións decidiu darlle unha volta a este tradicional evento para adaptala ao confinamento que está vivindo a sociedade polo estado de alarma decretado pola crise sanitaria da Covid-19.

Por primeira vez en case 70 anos o concurso dos Maios celebrarase a través das novas tecnoloxías. Debido ás actuais circunstancias non é posible celebrar o concurso tradicional nas rúas e prazas onde grupos de rapaces e rapazas da localidad de Marín acoden cos Maios e Embarcacións, interpretando as súas coplas, para que un xurado as valore e puntúe.

Por ese mesmo motivo, e coa intención de manter a convocatoria do LXVII Concurso de Maios e Embarcacións, o Ateneo decidiu facelo a través de internet. O certame está destinado a todos os rapaces e rapazas de ata 12 anos de idade, podendo participar individualmente, por parellas (con irmáns, por exemplo) ou con outros familiares cos que convivan na mesma casa.

A participación pode ser realizando debuxos ou pinturas dos Maios tradicionais de Marín, coa forma cónica, coa coroa e toda a súa ornamentación, ou ben o debuxo dunha Embarcación. Terán que compoñer unha copla orixinal en galego do tipo tradicional e que non exceda de seis estrofas –as estrofas dos Maios e embarcacións son distintas–.

No concurso haberá dúas categorías (ata os 8 anos e de 9 a 12), nas que haberá tres premiados para os Maios e tres para as Embarcacións. Os traballos deberanse enviar a [email protected] antes das 24 horas do día 30 de abril de 2020.

Comentarios