O Enterro da Sardiña, vivo grazas a un concurso de debuxo con 865 propostas

O Ateneo Santa Cecilia levou a cabo o venres a entrega de premios do concurso de debuxo que convocou para nenos e nenas de 3 e 12 anos
Algúns dos nenos premiados recollendo os seus diplomas. DP
photo_camera Algúns dos nenos premiados recollendo os seus diplomas. DP

Aínda que este ano a localidade marinense non puido celebrar unha das súas citas máis importantes do Entroido, o Enterro da Sardiña, o Ateneo Santa Cecilia, o seu organizador desde o ano 1976, non quixo deixar escapar a oportunidade de manter vivo o seu espírito. Por iso, a entidade cultural de Marín organizou un concurso de debuxo no que participaron máis de 800 nenas e nenos dos diferentes centros escolares do municipio.

Durante o último ano, debido a pandemia do coronavirus, o Ateneo viuse na obriga de ter que substituír as súas tradicionais citas -Os Maios ou a Danza das Espadas, entre outros- por este tipo de certames co obxectivo de que os máis pequenos continuasen formando parte desas celebracións a pesar das restricións ou do confinamento.

O venres pola tarde, o Ateneo levou a cabo a entrega premios correspondente ao Concurso de Debuxos do Enterro da Sardiña. En total presentáronse 865 debuxos, cunha "enorme orixinalidade e creatividade", que demostraron ademais "que o Enterro da Sardiña está vivo nestas novas xeracións". Dende a entidade quixeron "agradecer aos centros educativos e ao profesorado pola súa implicación". 

Debido á alta participación, o xurado decidiu ampliar nun terceiro premio todas as categorías, repartíndose 12 galardóns. Así, os primeiros premios de cada categoría (en orden ascendente de idade), foron para Carlota da Silva, Carmen López e Uxía Simes.

No segundo lugar as obras premiadas foron as de Isaac Crestelo, Ainhoa Sánchez e Diego Vaquero, nas súas respectivas categorías. En terceiro lugar os galardoados por os seus denuxos foron Lucía Agra, Martín López e Edgar Real mentres que os accésit foron para Antón Solla, Javier Castro e Eva Pazos.

Comentarios