Máis que un Trivial galego

UN XOGO DE MESA PIONEIRO ► A marca OzocoGZ presentou por primeira vez o martes en Bueu o seu xogo de mesa 'Ti non es de aquí?', nun evento organizado pola Libraría Miranda. O proxecto procura mellorar o coñecemento da sociedade galega sobre o seu lugar de orixe

Eladino, na Praza Massó, xunto co xogo que deseñou. CAROLINA NEIRA
photo_camera Eladino, na Praza Massó, xunto co xogo que deseñou. CAROLINA NEIRA

BEN SABEN AQUELES que viviron nalgunha aldea de calquera punto da xeografía galega que cando aparece unha cara nova entre a veciñanza do lugar, o máis habitual é que se lle pregunte de quen vén sendo. Aclarada esa cuestión, toca saber se o visitante é nado en Galicia ou se, pola contra, só está neste recuncho do mundo porque ten familia aquí. Mais ser dun lugar, pertencer a unha comunidade, vai máis alá da situación xeográfica do hospital no que un vén ao mundo.

Así o defende Eladino Cabanelas, que fixo da galeguidade a súa actual profesión. Deseñador gráfico de vocación e autónomo como consecuencia da crise económica, Eladino creou a marca OZocoGZ, que distribúe camisetas cen por cen galegas, "cas que tamén trato de facer país". Ese compromiso ca reivindicación da cultura e a identidade galegas levaron a este deseñador do Carballiño a decatarse de que a presenza do galego no mundo da papelería e do ocio de mesa era nula.

Decidido a poñerlle fin a ese baleiro, Eladino comezou a artellar na súa cabeza como sería o xogo de mesa ideal para difundir coñecementos de diversas áreas sobre a nosa terra. Dous anos despois de cavilar, deseñar e investigar, viu a luz Ti non es de aquí?, o primeiro xogo de mesa integramente galego, que xa se pode mercar en diversas librarías e que se presentou onte por primeira vez en público na Praza Massó de Bueu, grazas ao convite que lle fixo a Eladino o xestor da Libraría Miranda, Fernando Miranda.

O taboleiro é o mapa de Galicia, polo que se vai facendo un percorrido, que comeza en Ribadeo e remata en Santiago

A forma máis rápida e gráfica de explicar como funciona este pasatempo é comparalo co tradicional Trivial. Mais, tal e como relata Eladino, aínda que ten semellanzas, hai regras que non teñen nada que ver. "Pode ser unha especie de Trivial galego porque é un xogo cultural, con preguntas, pero hai bastantes diferenzas. O taboleiro é o mapa de Galicia, polo que se fai todo un percorrido, partindo, mais ou menos, de Ribadeo". Sobresaen catro casiñas, que se corresponden cas grandes urbes galegas: Ourense, Pontevedra, Lugo e A Coruña, "e poderíamos dicir que a meta é Santiago de Compostela".

Se cadra, a maior diferenza que presenta o Ti non es de aquí? con respecto ao Trivial é que, neste caso, as tarxetas das preguntas ofrecen catro opcións de resposta, "das cales hai que adiviñar cal é a incorrecta" para seguir avanzando.

Somos un pouco descoñecedores da nosa cultura. Hai quen sabe todo o trazado do Ebro e non sitúa o Umia

Son cinco as categorías que examinan aos xogadores sobre os seus coñecementos: unha sobre Lingua e Literatura, outra sobre Patrimonio, unha terceira correspondente á Actualidade (un caixón de xastre onde entra dende a música ata o cinema, pasando pola televisión ou a moda galega), e dúas últimas sobre Ciencia e Xeografía e sobre Historia. "Estamos falando de 875 tarxetas, cinco temáticas diferentes, ou sexa, 175 por cada unha", detalla o creador do xogo.

LOCALIZAR O UMIA. Aínda que OZocoGZ está desbordada cos pedidos e cren que terán que facer máis tiradas —a inicial foi de 500 exemplares do xogo— pode que moitos non se atrevan a sentarse na mesa cuns refrescos e uns amigos a demostrar que, en realidade, nun xogo onde deberiamos telo fácil, ao final non somos quen de avanzar de casiña. "Somos un pouco descoñecedores da nosa cultura. Hai quen probou o xogo e me comentou que as preguntas eran algo complexas, pero sen embargo, nun xogo similar que trate temas de cultura xeral non temos problemas para contestalas. Iso pasa porque hai quen coñece todo o percorrido do Río Ebro pero non sabe localizar o Umia".

Eladino considera que o ocio pode ser a ferramenta perfecta que lle falta á educación galega para evitar que as novas xeracións sufran tamén esta problemática de non coñecer o seu propio lugar de orixe. Por iso, "se todo sae ben", xa proxecta crear de cara ao ano que vén unha versión do xogo para Primaria.

De momento, a que onte se presentou na vila buenense pode adquirirse en librarías de diversos puntos de Galicia por un prezo de 36,65 euros.

Comentarios