A Mancomunidade de Montes do Morrazo rexeita as instalacións eólicas na comarca

Representantes das CCMM reuníronse este sábado en Moaña para manifestarse contrarios ao proxecto
Os representantes das doce Comunidades de Montes de O Morrazo na xuntanza en Moaña, este sábado. DP
photo_camera Os representantes das doce Comunidades de Montes de O Morrazo na xuntanza en Moaña, este sábado. DP

Case un ano despois da celebración da asemblea na que a Mancomunidade de Montes do Morrazo decidiu integrarse na plataforma Eólicos no Morrazo NON, esta entidade volveu reunirse este sábado para renovar a súa posición contraria á instalación das poligonais de Macro-Eólicos nos montes da comarca. Dous representantes de cada unha das doce CCMM que conforman a entidade participaron na xuntanza, celebrada na sede da Comunidade de Moaña.

Este rexeitamento súmase ao xa realizado nos últimos meses polos plenos municipais dos Concellos de Cangas, Moaña, Bueu e Vilaboa. Tal e como informou o presidente da Mancomunidade, Xosé Ramón Millán, esta "comprométese a participar na información e sensibilización aos colectivos e á veciñanza", co fin de aumentar o número de individuos contrarios ao proxecto dos parques eólicos.

No marco deste rexeitamento unánime, Millán tamén manifestou a intención de todos os membros da entidade de "proceder a todas as mobilizacións necesarias producirse calquera intento de instalación das poligonais de Macro-Eólicos".

A secretaria do colectivo, Mari Carmen Rosendo, explicou que esta posición está motivada pola superficie que sería ocupada polos parques eólicos, xa que "suporía a cuarta parte da comarca". Esta sinalou que dita instalación conlevaría "a depreciación do valor económico de fincas e vivendas ata nun 30%, así como o éxodo da poboación".

Pola súa parte, o tesoureiro da Mancomunidade, Ignacio Piñeiro, determinou que "produciríanse danos irreversibles ao patrimonio culturas e ao noso medio ambiente".

Comentarios