A Mancomunidade do Morrazo reduce nun 3% os residuos enviados a Sogama

O ente supramunicipal e a Sociedade Galega do Medio Ambiente firmarán un convenio co que se abonará unha cantidade de 4,75 euros por cada tonelada de lixo entregada
undefined
photo_camera Un momento da visita do presidente de Sogama, este xoves, á planta de residuos da Mancomunidade. DP

A Mancomunidade do Morrazo reduciu este un ano un 3% os residuos enviados a Sogama, unha cifra que supón un incremento da reciclaxe da comarca e que supera a media galega. Así o constaron Félix Juncal, alcalde de Bueu e o presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, e Javier Domínguez Lino, presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), nunha visita á planta de residuos da Mancomunidade, situada no polígono de Castiñeiras.

Durante o encontro, tamén se anunciou que de cara a finais de xuño, e despois dos trámites administrativos correspondentes, ambas entidades asinarán un convenio que permitirá apoiar dende Sogama a xestión da planta, polo que se estipula que lle abonará á Mancomunidade a cantidade de 4,75 euros, IVE excluído, por cada tonelada de lixo entregada.

Domínguez Lino destacou que "por fin pecharemos o convenio que desexabamos dende hai anos, e que se fará realidade en breves coincidindo co pagamento da débeda da Mancomunidade a Sogama". Na mesma liña interveu Juncal ao remate da xuntanza, e salientou que "temos un compromiso coa redución de residuos e co incremento da reciclaxe a través de campañas informativas e a compostaxe" e "estas cifras dannos esperanza, pois demostra que o traballo estratéxico da Mancomunidade, que se afianzou nos últimos meses coa xerente e as mestras composteiras".

A Mancomunidade está implementando moitas iniciativas que camiñan cara á redución do lixo, cunha especial atención á compostaxe, tanto comunitaria como individual nos tres concellos. De feito, a finais de maio recibirán de Sogama un novo lote de 300 composteiros individuais que serán repartidos entre a veciñanza.

Na visita, na que tamén participaron o edil Xosé Leal -xerente da Mancomunidade- e responsables deUrbaser, Domínguez Lino puido coñecer as instalacións de Castiñeiras nas que recentemente se vén de acometer o arranxo do vial de acceso e nos próximos días se comezará coa substitución da planta de transferencia.

Máis iniciativas: recollida de biorresiduos entre a hostelería
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo porá en marcha a finais de maio a recollida de biorresiduos ‘porta a porta’ entre a hostalaría. O pasado martes, convocou aos hostaleiros de Bueu para presentar este proxecto que busca potenciar a prevención, recollida separada e valorización de biorresiduos de competencia municipal de maneira local, reducir a produción de residuos nos concellos da Mancomunidade, implicar aos grandes produtores nas actuacións de xestión de residuos e facer partícipe á cidadanía.

Os locais que se adhiran a esta campaña recibirán unha visita do persoal técnico da Mancomunidade, onde se lles informará sobre a dinámica da separación en orixe e a nova sistemática do colector marrón. Ademais farase entrega dun colector para poder realizar a separación dos biorresiduos cunha maior comodidade.

Comentarios