Manuel Pena: "Recibimos películas de máis de 100 países diferentes"

A organización espera recibir máis de 2.000 traballos para participar neste certame, que alcanza xa a súa undécima edición e que este ano se celebrará do 7 ao 15 de setembro no Centro Social do Mar

Manuel Pena. M.G
photo_camera Manuel Pena. M.G

Estudou Imaxe e Son e Dirección de Cine. Dedicou varios anos da súa vida a realizar traballos como director e productor cinematográfico, pero foi a partir do ano 2008 cando Manuel Pena se volcou por completo na posta en marcha do FICBueu, que conseguiu levar ata o día de hoxe.

Como naceu o FICBueu?
Naceu no ano 2008. Eu proviña do mundo do cine e das curtometraxes e ante a problemática e dificultade de exhibir as curtas, de que non haxa moitos lugares onde poder exhibilas, decidín desde Bueu crear un portal para axudar á difusión e promoción destes traballos. Foi ese o punto de comezo, e despois tamén a miña intención de traballar dentro da industria cinematográfica e poder facelo desde Bueu. Foi un pouco a simbiosis das dúas, de querer axudar a distribuir estas curtometraxes e poder desenvolver a miña labor profesional dentro do mundo de cine sen ter que desprazarme a Madrid ou Barcelona. A creación do festival aunaba ambos obxectivos.

Como evolucionou esta cita cinematográfica nestes dez anos?
Tivo un arranque moi modesto, tanto no orzamento como no persoal e medios cos que se facía o festival. Comezamos o primeiro ano facéndoo dúas persoas, cun orzamento moi pequeniño, e organizado dende o Concello de Bueu. Apoiado desde o gran éxito de público que tivo desde o comezo, o festival foi crecendo. O Concello de Bueu foino apoiando un pouco máis, e así evolucionamos durante oito anos, ata que chegou o punto no que acadou unhas dimensións moito maiores cunha repercusión máis grande. Para que este puidera seguir medrando, tomouse a decisión de que o Concello pasase a ser un patrocinador do mesmo e se crease unha asociación ou entidade encargada de organizar e levar a cabo o festival. Este cambio permitiunos expandilo moitísimo máis e de optar a moitas máis axudas. Na novena edición o festival sufriu un punto de inflexión, cando se empezou xa a disparar o orzamento do mesmo e a programación se ampliou moitísimo, había moito máis personal traballando e xa era un traballo durante todo o ano, constante. Despois dese cambio profesionalizouse o festival.

Canta xente forma parte da organización?
Por unha banda está o equipo que desenvolve a festival nos nove días nos que se celebra, que somos case 40 persoas, parte delas contratadas e unha parte máis minoritaria de voluntarios. E logo temos un equipo de traballo durante todo o ano. Neste equipo permanente somos tres persoas traballando a diario na oficina, pero tamén temos catro ou cinco colaboradores profesionais dun área determinada que nos van apoiando nas necesidades que poidan xurdir, como por exemplo a encargada de prensa, o diseñador gráfico ou o equipo de selección de películas. Están presentes para todas as necesidades que poida haber ao longo do ano, co cal non é fácil determinar cantas persoas estamos aí de forma permanente.

Nestes momentos está aberto o prazo de presentación de curtas, ata o 14 de abril. Cantas se presentaron ata o de agora?
Agardamos recibir máis de 2.000 películas. Ata o día de hoxe os filmes entregados andarán sobre os mil. Ano a ano increméntase o número de inscripcións, pero xa levamos tres ou catro anos que a recepción de películas está estandarizada, sobre as 2.000. Este ano esperamos incrementar un pouco e pasar das 2.000.

A organización do festival animaba, a través do Facebook, a enviar máis filmes galegos e españois...
Si, somos máis de anotarnos a última hora. Nós apreciamos iso, que nas primeiras 500 películas recibidas apenas había traballos en galego ou en español, e agardamos que si cheguen. Un porcentaxe alto das curtas que recibimos chegan nos últimos 15 días.

Que criterio se segue na selección de películas?
O único criterio que temos é a calidade das películas. A organización non busca nin un estilo, nin unha temática determinada.

Cales son os premios?
Temos catro categorías competitivas, con trofeos e dotación económica: a categoría de escolas, onde se premian os traballos feitos nos centros educativos, onde ao mesmo tempo hai tres categorías: infantil, primaria e educación especial; secundaria e facultades e escolas de formación profesional (estas tres categorías teñen unha dotación económica de ao redor de 150 euros); logo está a sección Galicia, onde se proxectan os premios á mellor curta galega (500 euros); despois está a sección España (500 euros); premio do pú- blico, ao que optan todas as curtas, tanto da sección oficial como da seccións España e Galicia (500 euros); e logo están os premios que se reparten ás curtas da sección oficial, que son por unha banda os dous premios principais, a ánfora de ouro e a ánfora de prata, que teñen unha contía de 2.000 e 1.000 euros, e tamén hai unha serie de premios técnicos que recoñecemos as diferentes categorías de profesionais que traballan na película, que teñen o seu trofeo pero que estes si que non teñen dotación económica.

De que países reciben traballos?
Recibimos películas de máis de 100 países diferentes, dos cinco continentes.

Por outra banda, o FICBueu deu un salto importante este ano coa promoción da cita buenesa no festival Clermont-Ferrand, un dos eventos máis importantes do sector a nivel mundial. Cal era o obxectivo?
O festival Clermont-Ferrand é o festival de curtas máis importante do mundo, e ten unha parte importante do mesmo que é un mercado onde se dan cita esa semana moitísimos profesionais do mundo da curtametraxe. Parecíanos moi interesante estar presentes tanto para poder visionar películas e traer algunha para Bueu que nos resultase interesantes, como para facer contacto con outros festivais, distribuidoras e productoras e demáis xente do mundo, algo que é bo para o festival, para darnos a coñecer e para establecer contactos de cara ao futuro.

Que repercusión ten o festival no municipio?
O festival conta cun apoio moi forte por parte da xente do pobo, está moi arraigado en persoas de todas as idades. Nós nese aspecto sentí- monos moi respaldados, apoiados e queridos, tanto pola xente como polos comercios da vila. É certo que cada vez ven máis xente de fora, pero o apoio da xente de Bueu é fundamental.

Comentarios