Marea Marín pretende facer medrar a vila morracense

O grupo político local presentou este sábado no Manuel Torres a súa candidatura ao completo, así como o seu lema: 'Para que medre Marín'

A candidatura de Marea Marín ao comleto diante do Concello. C. M.
photo_camera A candidatura de Marea Marín ao comleto diante do Concello. C. M.

Marea Marín presentou onte no museo Manuel Torres a súa candidatura completa de cara os comicios municipais de maio e o lema da súa campaña: "Para que medre Marín". O alcaldable do grupo político local explicou que se trata dunha consigna "aberta, para que a veciñanza a faga súa. É unha frase inconclusa que debe ser completada por tódolos veciños", detallou Aarón Franco.

"Dentro do programa temos asignadas unhas funcións para cada un de nós. No caso de Estrellan Pallín (a número 2 da candidatura) encargaríase da área de Benestar e Xuventude, ademais da tenencia de Alcaldía. Cholo Costa, veciño de Cantodarea, ocuparía a Concellería de Urbanismo e Tráfico e Francis Ignacio sería a edil de Medio Ambiente. Miguel Suárez Briones estaría á fronte dunha megaconcellería de Turismo, Comercio e Deporte", explicou o alcaldable.

A lista complétana, en orde, Fina Pidre, Juan Carlos Rosendo, Lorena Peón Silva, Agustín López Blanco, Lorena Touriño González, Xosé Vilas Graña, Lucinda Montenegro Villanueva, Javier Rodríguez Rey, Marina Santiago, Alfredo Ramírez Cobas, Yolanda González, Xosé Luís Miguélez, Iria Rodríguez, José María Taboada Salvador, Clementina González Area e Xosé Manuel González Dopazo.

"A candidatura está formada por xente diversa á que nos une querer defender a veciñanza de Marín e poñer o municipio por diante de todo e de todos", engadiu. "Queremos dinamizar Marín e presentaremos un plan de choque en áreas estratéxicas, como é o caso da vivenda. Cómpre poñer en marcha vivenda protexida na vila, precísase un plan cultural e tamén apostamos por un Marín verde e por un rural vivo", enfatizou Franco.

Un posible Concello gobernado por Marea Marín daríalle voz ao pobo para "que sexa a veciñanza a que goberne (...), que decida en que e como gastar os cartos que son de todos", expón o candidato.

Pola súa banda, Estrella Pallín indica que "unha das principais preocupacións é que a poboación de Marín diminuiu, e niso traballaremos, porque a xente moza marcha en busca de traballo e o prezo da vivenda é moi elevado".

Proposta A Xestión do Medio Ambiente
Marea Marín xa presentou o pasado mes de febreiro unha proposta que incluirá no seu programa electoral. Trátase da creación dun Plan de xestión ambiental municipal que pilote sobre varios puntos, entre os que se atopa un "programa de control de especies invasoras tanto no referido á fauna como á flora, dada a proliferación de especies foráneas que prexudican o noso medio",explicaron os seus responsables.

 

Comentarios