María Novas, galardoada na XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

A arquitecta bueuesa recolleu o xoves en Sevilla un recoñecemento polo seu libro Arquitectura y género. Una introducción posible
María Novas, o xoves, en Sevilla. DP
photo_camera María Novas, o xoves, en Sevilla. DP

Bueu continúa traspasando fronteiras, nesta ocasión grazas á arquitecta María Novas, que vén de gañar un premio na categoría de Investigación e Difusión da XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo polo seu traballo Arquitectura y género. Una introducción posible.

Novas recolleu o xoves pola noite o galardón na Real Fábrica de Artillería de Sevilla, durante unha cerimonia que evidenciou a creatividade, a innovación e o poder transformador da práctica arquitectónica. "Este premio supón tamén recoñecer como os roles de xénero se reflicten nos lugares que habitamos e como houbo e hai mulleres que traballan para que a arquitectura sexa un espazo de igualdade", afirma a autora.

Este premio supón tamén recoñecer como os roles de xénero se reflicten nos lugares que habitamos"

Máis de 800 candidaturas presentáronse ás tres categorías da BEAU, que nesta XVI edición buscaba reflexionar sobre como o hábitat futuro comeza a construírse desde as accións do presente. No apartado de Investigación e Difusión, onde foron recoñecidas dez propostas, “a selección das obras amosou os temas contemporáneos aos que se enfronta a arquitectura pero tamén a sociedade, como o cambio climático ou a arquitectura e o xénero”, en palabras de Marina Otero Verzier, da Design Academy Eindhoven, unha das integrantes do prestixioso xurado.

A BEAU é unha iniciativa do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en colaboración co Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España e coa Fundación Arquia, que ten como obxectivo recoñecer e difundir a mellor produción arquitectónica dos dous últimos anos. A presente edición está comisariada por María González, Juanjo López de la Cruz e Ángel Martínez García-Posada, docentes da Escola de Arquitectura de Sevilla. Nesta ocasión, o lema elixido foi Me—dio Pla—zo, en alusión a que neste presente onde superamos diversas situacións de crise, a arquitectura, ademais de dar respostas eficientes ás necesidades de hoxe, poida indagar nas inquedanzas do mañá.

Comentarios