María Vázquez: "Un vai ao cine para que lle amosen a súa realidade"

O Cine de Seixo contará este martes cunha invitada especial, a actriz María Vázquez. A viguesa participará na xornada inaugural (19.30 horas) do Festival de Cine do Mar e na que se proxectará de balde a película 'Matria', da que é a protagonista. As entradas poderán retirarse previamente no Museo do Mar de Marín.
 
La viguesa María Vázquez, nominada a mejor actriz por 'Matria'. JJ GUILLÉN
photo_camera María Vázquez. JJ GUILLÉN

O CINE, o mar e a cultura estarán presentes durante toda esta semana en Marín, coa celebración do I Festival de Cine do Mar, que arranca este martes cunha primeira edición por todo o alto contando como madriña a María Vázquez, protagonista de Matria, un filme de Álvaro Gago e gracias ao que recibiu o Mestre Mateo á mellor interpretación feminina.

Que significa para vostede formar parte da xornada inaugural do primeiro Festival de Cine do Mar de Marín?
Estou moi contenta e moi agradecida. Sempre que podo apoio e axudo en iniciativas culturais no rural. Paréceme importante que se leven a cabo e que permitan dinamizar o rural. Estou sempre disposta a iso porque eu tamén son de vila pequena e pareceme imporante que se fagan cousas e que se democratice a cultura. Por outra parte, agora que pecharon moitos cines, é un fito que un lugar como Seixo o manteña e hai que coidalo. Teño que agradecerlles que sigan apostando a pesar das dificultades que terán para mantelo aberto, que me imaxino que serán moitas.

Que opinión ten destes novos eventos audiovisuais nas pequenas vilas?
Todo o que sexa que xurdan iniciativas que fomenten o cine, encántame, porque é a miña profesión. Creo que é algo que é moi bo para educar. A cultura audiovisual é algo moi inmediato para a xente nova. Pode amosar outras realidades. Paréceme moi bo que o cine o vexa cada vez máis xente.

Na xornada de hoxe vaise a proxectar Matria, que é un exemplo do potencial do sector audiovisual galego. Cre que este tipo de festivais son un xeito maduralo e de descubrir novos creadores?
Veñen creadores e creadoras boísimas e hai que coidalos tamén. Penso que cada vez hai máis público do cine na nosa lingua. É unha labor de anos de traballo en conxunto de toda a xente do sector, dos distribuidores, dos exhibidores, que apostan polo noso cine e que non defrauda, porque se ve que a xente o consume e lle gusta.

Cales cre que son as claves do auxe do audiovisual galego nos últimos anos?
Está ben feito, que é o principal, e segundo, creo que nos identifica. Contamos as nosas historias dende o particular concreto das nosas problemáticas e con iso a xente síntese identificada. Un vai ao cine para que lle amosen a súa realidade e que entenda os conflitos e as problemáticas que ten preto. Tamén vale para contar temas que son universais, porque no fondo non somos tan diferentes, pero si nas nosas particularidades.

Cre que a ecuación vai a seguir funcionando co paso do tempo?
Creo que se está afianzando. Non sei vai a acabar nin moito menos, todo o contrario. Conseguimos que haxa máis canteira, que veñan novos e novas creadoras moi boas e amosar moitas máis Galicias, que son moitas, non só é o rural ou o costumbrismo. Agora temos recén estreada 'As Neves', que fala de mocidade, por exemplo. No cine galego temos todo tipo de xéneros, temáticas e co que podemos amosar que Galicia é moi ampla. Nada ten que ver a Galicia da costa coa Galicia de interior, ou coa urbana. Houbo un tempo no que o audiovisual era máis costumbrista e agora estase ampliando moito. É moi bo para ver diferentes narrativas.

"Dise que o cine sempre é vocación, que por suposto, pero non pode estar por riba de dignificar o que facemos"

Que consello lle daría a esa xente nova que está comezando o seu camiño no sector?
Nunca sabes que consellos dar, é dificil. Pero diríalles que sigan aí, que loiten, que traballen e que sobre todo se responsabilicen del e do que contan, por que o contan e todo o que é importante. Entreter está moi ben, pero tamén se pode entreter tendo un fondo e sabendo que tes unha responsabilidade de cara a xente que te ve e sobre todo de cara a rapazada que ven e á que hai que darlle referentes diferentes, fuxindo dos estereotipos. Creo que o estamos conseguindo pouco a pouco, aínda que queda moito. Hai que poñer no foco en que temos responsabilidade como sector e que dignifqiuemos o noso traballo. Dise que sempre é amor e vocación, que por suposto, pero non pode estar por riba de dignificar o que facemos e de conseguir soldos dignos, horarios e conciliación. A loita obreira tamén é a nosa por moito que nos guste o noso traballo. Non se poden facer os proxecto a costa dos equipos e dos traballadores.

Despois do éxito de Matria, en que se atopa traballando agora?
Xusto acabo de coller vacacións despois de catro anos sen facelo (risas). Non estou parada de todo porque en setembro comezo novos proxectos que me van a ocupar o ano enteiro. Agora estou nun período de intentar descansar, mentres preparo e reflexiono para resetear un pouco para as cousas novas que veñen. O de 'Matria' foi un traballo moi gratificante, pero tamén de moitísimo traballo. Para conseguir que as cousas cheguen ao maior número de xente posible, tamén hai que facer esforzos. Pagou a pena, porque a veces non hai tanto sorte, pero nesta ocasión a película foi coma un tiro.

Comentarios