Marilar Aleixandre falará de mulleres e literatura en Marín

A escritora protagonizará este venres unha charla organizada polo Espazo Feminista marinense

A autora Marilar Aleixandre. DP
photo_camera A autora Marilar Aleixandre. DP

Unha ollada feminista á literatura é o nome do evento que o Espazo Feminista de Marín organizou para conmemorar o Día do Libro. Co gallo desta celebración, o colectivo puxo en marcha unha charla que terá lugar este venres ás 20.30 horas na biblioteca pública municipal Vidal Pazos na que intervirá a académica da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre.

Na cita, a escritora falará do papel da muller na literatura galega e fará unha viaxe a través dos títulos das obras máis representativas das letras en galego.

O Espazo Feminista de Marín é unha agrupación de mulleres novas moi activa nas redes sociais que loita por "un Marín máis feminista". Co gallo do 8 de Marzo, o Espazo uniu as súas forzas a outro colectivo marinense, o Colectivo Zeivas.

Xuntas crearon unha manifestación polo Día da Muller na vila marinense e organizaron diversos obradoiros para elaborar materiais reivindicativos como ruxerruxes ou pancartas. Ámbolos dous colectivos declararon naquel intre pelexar por un Marín con "educación feminista, orzamentos, leis e accións que loiten contra o machismo e o sistema patriarcal que o ampara".

Pola súa banda, Marilar Aleixandre é unha escritora nacida en Madrid pero de corazón galego moi activa en causas sociais e vinculadas á Memoria Histórica. A académica xa visitou Marín en 2010 para participar nunha Feira do Libro.

Comentarios