Viernes. 24.05.2019 |
El tiempo
Viernes. 24.05.2019
El tiempo

Marilar Aleixandre: "Pardo Bazán xa escribía que non existen os crimes paixoais"

Marilar Aleixandre, na biblioteca Vidal Pazos de Marín. DP
Marilar Aleixandre, na biblioteca Vidal Pazos de Marín. DP

A académica da RAG e profesora 'ad honorem' da USC leva máis da metade da súa vida afincada en Galicia, onde se convertiu nunha autora fundamental da literatura galega

Logo de rematar a carreira de Bioloxía, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) comezou a estudar Xornalismo na Universidade Complutense pero tivo que deixalo porque non eran tempos fáciles. Hoxe, consagrada como unha das mulleres máis inspiradoras e activas da nosa literatura, defende o seu compromiso coa memoria histórica e con movementos a prol dunha sociedade igualitaria. A escritora participou onte nun encontro organizado polo Espazo Feminista de Marín, na biblioteca municipal Vidal Pazos, onde conversou sobre o papel feminino na historia das nosas letras.

No seu primeiro discurso como académica da RAG falou dunha historia que aconteceu no Morrazo en agosto de 1936, na parroquia marinense de Mogor.
O principio e o final do discurso contan o que lle aconteceu a unha muller de Cangas no Pozo da Revolta. É sobre un relato que estou a escribir dende hai anos pero sempre me aparecen cousas polo medio que me impiden rematalo. Recollerá fragmentos de máis dun cento de entrevistas que fixo Andrés Domínguez Almansa e que non foron transcritas. A historia recollerá o momento no que un home de Marín, que se atopaba pescando nese lugar, escoita a unha muller que, ensanguentada, lle pide auxilio. Estas narracións reflicten que na zona houbo unha represión moi dura.

Vostede ocupa a cadeira que pertenceu ao falecido Xosé Neira Vilas cuxas obras leu cando aínda non sabía galego.
As dúas primeiras foron Longa noite de pedra e O atraso económico de Galicia, de Neira Vilas, mas trouxo un amigo a Madrid. Sempre digo que o galego é bastante transparente para unha persoa cuxa lingua nai sexa o castelán. Cando cheguei a Galicia a finais do 73 un dos primeiros títulos que lin foi Memorias dun neno labrego. Tiven a honra, que é unha mágoa ao mesmo tempo, de ocupar a cadeira de Pepe Neira Vilas, que foi unha das primeiras persoas que me propuxo para entrar na Real Academia.

A autora madrileña sempre se mantivo fiel ás causas sociais e á loita pola igualdade

Como aconteceu con María Victoria Moreno, ámbalas dúas non naceron en Galicia pero namoráronse desta terra e convertéronse en referentes das nosas letras. Que opinión lle merecen os que propoñen que o galego sexa unha opción?
Escribín moitas veces contra iso. O decreto que hai na actualidade no ensino trata á lingua galega, que é a materna, como ao inglés. No programa do PP para estas eleccións, que afortunadamente perderon, hai un punto no que falan de que van desenvolver o artigo 3 da Constitución. Este trata do dereito e o deber de falar o castelán pero tamén das linguas cooficiais, e parece que esta xente o esqueceu. Estamos volvendo a antes da morte de Franco. O galego é un patrimonio cultural moi fermoso. Como pode haber alguén que non poña todo o seu esforzo en conservalo, melloralo e defendelo? Para min é inexplicable.

Onte conversou, xunto ao Espazo Feminista de Marín, sobre o papel das mulleres na literatura galega.
Falamos dos momentos nos que se lles prestou especial atención ás experiencias das mulleres. Sabemos que as pioneiras Rosalía e Emilia Pardo Bazán, malia que escribían en castelán, foron autoras galegas que xa trataron diferentes momentos das vidas das mulleres. Pardo Bazán fíxoo de maneira máis explícita e escribiu sobre o maltrato e os asasinatos. Foi unha das primeiras en escribir artigos sobre feminismo en España, chegou a dicir nunha entrevista que era radical feminista e acuñou a palabra mullericidio para aclarar que cando un home mataba a unha non se trataba dun crime de honra nin pasional. Rosalía e Emilia eran mulleres que tiñan por bandeira iso que agora se coñece como empoderamento. Logo delas e ata finais do século pasado hai un espazo baleiro sen féminas na narrativa e na poesía. Se non recordo mal, o primeiro relato sobre o maltrato é meu. Chámase Terror na madrugada e está dentro dun libro chamado Lobos nas illas. Posteriormente, en 2001, escribín unha novela sobre malos tratos e a crítica clasificouna como policial e dixo que parecía que a escribira un home. Eu non son esencialista, non creo que os varóns escriban dun modo e as mulleres doutro. Son bióloga, creo o xustiño na xenética. Non penso que esteamos feitas para escribir dunha forma determinada pero había experiencias que non estaban recollidas na literatura, como é o caso da menstruación. Eu abordei este tema por primeira vez nunha novela en galego e a algún crítico pareceulle fatal.

Escribín sobre a menstruación por primeira vez nunha novela en galego e a algún crítico pareceulle fatal

Custa chamarlle ás cousas polo seu nome?
Efectivamente. Por unha parte, agóchanse temas que afectan á muller e, por outra, os que teñen que ver coa sexualidade. Agora xa hai máis libros nos que aparece esta temática como é o caso do poemario de Lupe Gómez, Os teus dedos na miña braga con regra, ou o libro Besta do meu sangue, de Emma Pedreira. Á regra chamóuselle de moitas formas moi elípticas e no caso do maltrato, aínda de bastantes máis se cadra. Pardo Bazán tamén describiu agresións terribles nos seus textos. En España, ata hai non moito, había un asasinato machista e saíamos dúas ducias de feministas a manifestarnos. O positivo é que nos últimos anos mudou a consideración social tanto destas mortes como do maltrato. A miña novela Cabeza de medusa –publicada en 2008– estase lendo moito hoxe en día nos institutos. Supoño que será logo do caso de La Manada xa que, a pesar de que conta unha violación a dúas mozas, o caso central é que as menores dubidan se denunciar ou non. Antes á xente dáballe vergoña pero quen a ten que ter non é a violada senón o agresor.

Considera que a literatura é unha ferramenta importante para concienciar á xuventude sobre a violencia de xénero?
Por suposto. Cabeza de medusa está baseada en feitos reais porque son cousas que ocorreron cando eu era profesora e directora do instituto Castelao de Vigo. Unhas rapazas foron violadas e logo duns días apareceron unhas pintadas que poñían que Fulanita e Menganita eran putas. Eu penso que a literatura pode axudar a que estas cousas se falen pero en cuestións de igualdade inflúen moitos factores. O patriarcado inventou unha imaxe social da muller como subordinada, puxo ao home de protagonista e á muller como personaxe secundario. Mariana, unha das personaxes de Lo de siempre, un dos contos máis feministas que Pardo Bazán publicou na Arxentina, pronunciou un bravo discurso ante os seus compañeiros de traballo xa que para conseguir traballo tivera que disfrazarse de varón. Como os seus colegas dicían que defendían a igualdade, a moza díxolles que realmente eles querían ás mulleres como escravas, "como instrumento, para pegarles, para que os guisen".

Hai persoas que ven a desigualdade como unha praga bíblica que caeu do ceo. Non, é resultado do patriarcado

Que opina do movemento do 8 de Marzo?
Estou feliz de que ocorra isto porque levo sendo feminista dende adolescente e participando activamente en marchas e actos. É emocionante ver mobilizacións como a do ano pasado ou a de hai uns meses. Entre a xente nova hai unha percepción diferente da vida que xa non permite certas actitudes. Aínda existen persoas que ven mal que un home lle pegue á muller pero que, en troca, ven normal que non cociñe, non faga as tarefas do fogar ou non coide aos fillos. Todo isto ocorre porque existe o patriarcado, que é un sistema que pon ás mulleres en segundo plano. Evidentemente hai homes que son feministas, que son conscientes de que que existe a desigualdade e que loitan porque remate. Tamén hai quen a ve como unha praga bíblica que caeu do ceo pero non, é resultado do patriarcado.

Ao longo da súa carreira deixou textos inspiradores a prol da muller. Un dos poemas do seu libro Desescribindo reza "nosoutras somos verbo, suxeito / non espazos en branco entre palabra e palabra". Que é desescribir?
É algo que fixen ao longo de moitos anos tanto a través de novelas como poesías. É a forma na que están escritos os personaxes de muller, que poucas veces chegaron a ser protagonistas. Para min desescribir é seguirlles a pista ás voces das mulleres violadas ás que castigan. Máis que para tratalas como vítimas, para empoderalas. Desescribir tamén pode ser rebentar os contos desde dentro, coller unha historia na que a muller acababa sometida e darlle a volta.

Marilar Aleixandre: "Pardo Bazán xa escribía que non existen os...
Comentarios